Nova: A Xunta restaurará este verán o teito da Palloza de Galán no Conxunto Etnográfico do Cebreiro

20/06/2026

A Xunta restaurará este verán o teito da Palloza de Galán no Conxunto Etnográfico do Cebreiro

A actuación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contará con 37.000€ e centrarase na substitución da totalidade da cuberta empregando a técnica do teitado “á facha ou brincallo”

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2026

A Xunta de Galicia restaurará este verán o teito da Palloza de Galán, no Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro. Trátase dunha intervención á que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 37.000€ e que permitirá substituír a totalidade da cuberta empregando a técnica do teitado “á facha ou brincallo”, que consiste na instalación de mollos de palla de centeo atados con brincallos de palla trenzada. Así mesmo, o remate superior contará con catro ou cinco liñas de veo, pensadas tradicionalmente para incrementar a resistencia do teito.

As pallozas destacan como construcións tradicionais adaptadas á vida na montaña dentro dun sistema produtivo agrogandeiro, polo que integran vivenda, corte para o gando, forno e espazo de almacenaxe baixo un único teito elaborado con materiais vexetais. Estes teitos de colmo son un dos aspectos mais singulares destes bens, normalmente construídos en forma cónica e sostidos nunha estrutura de madeira de carballo ou castiñeiro sobre a que se coloca a palla.

O Conxunto Etnográfico

A edificación a restaurar é parte do Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro. Trátase dun conxunto patrimonial no que conflúen elementos históricos, culturais, antropolóxicos e socioeconómicos representativos da montaña oriental galega, e que foi declarado Conxunto histórico artístico integrante do Camiño de Santiago debido ao seu emprazamento na porta de entrada do Camiño Francés en Galicia.

Comparte