Nova: A Xunta e a Fundación SGAE colaboran nunha nova edición do festival 'Acento' con Dani Cornes, Javi Chapela e Sila Lua

19/06/2026

A Xunta e a Fundación SGAE colaboran nunha nova edición do festival 'Acento' con Dani Cornes, Javi Chapela e Sila Lua

A cita terá lugar este domingo 21 na terraza da sede da entidade en Santiago de Compostela para festexar o Día Europeo da Música

A nova entrega do encontro muda ao horario matinal, con entrada libre a partir das 12,30 h., e está dedicada ao talento galego con proxección exterior

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2026.

O festival Acento celebrará este domingo 21 o Día Europeo da Música cunha nova edición en formato vermú matinal e co foco posto nas carreiras musicais galegas que se abre paso fóra do noso territorio. A cita, promovida pola Fundación Sociedade General de Autores y Editores (SGAE) co apoio da Xunta de Galicia, desenvolverase na terraza da sede da entidade no parque de Vista Alegre, en Santiago de Compostela, a partir das 12,30 h. e con acceso libre.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da carteleira desta cita xunto ao presidente do Consello Territorial da SGAE, Teo Cardalda, e ao músico Dani Cornes, un dos artistas que integra o programa desta edición. Acento reunirá nesta ocasión tres proxectos de artistas galegos que desenvolven as súas carreiras fóra de Galicia, pero que manteñen un forte vínculo co seu lugar de orixe: Dani Cornes, Javi Chapela e Sila Lua.

Escaparate da creación actual

Durante a súa intervención, Jacobo Sutil destacou que Acento “é unha celebración da música galega contemporánea e, ao mesmo tempo, unha plataforma para recoñecer o talento que medra dentro e fóra do país sen perder a conexión coas súas raíces e coa nosa lingua”. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude subliñou tamén a importancia de “acompañar proxectos que abren novos camiños creativos, conectan con públicos diversos e contribúen á proxección da música feita en Galicia”.

Acento naceu en 2019 coa vontade de ofrecer un escaparate para as propostas máis innovadoras da escena musical galega e consolidouse como un espazo de encontro entre artistas, profesionais do sector, veciñanza e público. Ao longo das súas edicións anteriores, ten contado con nomes como Carlos Ares, 9Louro, Tanxugueiras, Grande Amore, Caamaño & Ameixeiras, Blanco Palamera, Néboa, Lua de Santana, Boyanka Kostova ou De Vacas.

Tres artistas que crean desde fóra de Galicia

Abrirá a sesión o grovense Dani Cornes, actualmente afincado en Barcelona, cunha proposta na que conviven a canción de autor, o pop contemporáneo e a experimentación sonora. O seu primeiro álbum de estudio, Aquí sempre tes casa, afonda na emigración, a distancia emocional e os vínculos que permanecen cando unha persoa se ve obrigada a construír a súa vida lonxe do lugar de orixe.

A continuación, será a quenda do coruñés Javi Chapela, establecido en Madrid e considerado un dos nomes emerxentes do indie pop-rock estatal. A súa música aborda a nostalxia, o paso do tempo e a procura da identidade na vida adulta, cunha conexión especial coa Coruña que se reflicte en temas como Marineda e no seu primeiro disco, Futuros Propósitos.

Sila Lua pechará Acento 2026 coa presentación do seu proxecto Danza de Amor e veneno, acompañada pola produtora Greta Ch’aska e un trío de cordas. A artista viguesa, formada entre Galicia e Madrid, constrúe un universo sonoro no que dialogan a electrónica, o pop alternativo, as músicas urbanas e as influencias da tradición galega, desde unha mirada vangardista, feminista e profundamente identitaria.

Comparte