Nova: A Xunta impulsa a proxección exterior da danza galega en 10 mercados e encontros profesionais de referencia

19/06/2026

A Xunta impulsa a proxección exterior da danza galega en 10 mercados e encontros profesionais de referencia

Acordouse co sector a presenza en, cando menos, seis citas estratéxicas para 2027 no marco do programa de internacionalización en curso e en cumprimento do Plan Integral para a Danza de Galicia

As compañías da Comunidade participan xa en espazos profesionais como Cádiz en Danza, Fira Mediterrània de Manresa, Quinzena de Dança de Almada ou Dansa València

O catálogo Danza Galicia, integrado por 55 formacións e 137 títulos en repertorio, funciona como ferramenta de promoción do talento coreográfico ante programadores e axentes culturais

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2026.

A Xunta de Galicia continúa a avanzar no impulso á proxección exterior da danza galega mediante un conxunto de máis dunha decena de accións en mercados, feiras e festivais profesionais de referencia, en liña coas medidas recollidas no Plan Integral para a Danza de Galicia. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, en representanción da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, mantivo un encontro con representantes da asociación Escena Galega para facer balance das iniciativas desenvolvidas nos últimos anos e abordar a planificación de novas vías de colaboración co sector profesional.

Na reunión, na que participaron Fran Sieira, vogal de danza e artes do movemento de Escena Galega, e Paula Quintas e Diego V. Meizoso, vogal e xerente da devandita asociación, respectivamente, acordouse un calendario de accións ata 2027, ano no que, cando menos, a danza galega volverá estar presente en Dança Valéncia, Cádiz en Danza, Fira Mediterrània de Manresa e Quinzena de Almada (Portugal), ademais de presentarse como novidade en FiraTárrega. 

A xuntanza, na que se tratou a visibilidade, a mobilidade e as oportunidades das compañías galegas nos principais espazos profesionais do sector, formou parte do traballo de seguimento do Plan Integral para a Danza de Galicia, aprobado polo Goberno galego como folla de ruta para fortalecer, conservar e difundir o ecosistema creativo da danza e das artes do movemento. Entre as súas liñas estratéxicas figura o impulso á exhibición, á distribución e á internacionalización, a través da asistencia a eventos relevantes e do acompañamento ás compañías galegas na súa relación con programadores, redes de distribución e axentes culturais.

Presenza en España e Europa

Neste contexto, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén promovendo a presenza da danza galega en máis de 10 mercados, feiras, festivais e encontros profesionais de referencia, como Dansa València, Fira Mediterrània de Manresa, FiraTàrrega, a Feria Internacional de Teatro y Danza de Huesca, o Festival Internacional Cádiz en Danza, a Quinzena de Dança de Almada, Spring Forward, a Internationale Tanzmesse NRW de Düsseldorf, a Biennale de Danse de Lyon e o Foro sobre distribución nacional e internacional da danza de Galicia.

Entre as accións máis recentes destaca a participación galega no Festival Internacional Cádiz en Danza, que rematou a súa 24ª edición esta pasada fin de semana e lle dedicou un dos seus dous focos territoriais a Galicia con propostas de Colectivo Glovo, Fran Sieira, Julia Laport e outras creadoras vinculadas ao circuíto Acieloabierto. A esta presenza súmase a colaboración con Fira Mediterrània de Manresa, onde en outubro deste ano estarán Colectivo Glovo e Fran Sieira xunto con accións de acompañamento profesional e encontros con programadores.

Portugal ocupa un lugar prioritario nesta estratexia, especialmente a través do Foco Galicia Danza na Quinzena de Dança de Almada, que tamén en outubro contará con Nova Galega de Danza, Julia Laport Rivas, Corpo Liminal e Colectivo DeXeito, ademais da coprodución dunha peza da Companhia de Dança de Almada con coreografía do galego Xián Martínez. A proxección exterior completouse coa presenza en Spring Forward, en Guimarães, e coa primeira delegación galega na última Internationale Tanzmesse NRW de Düsseldorf, o maior encontro profesional da danza a nivel mundial.

A Axencia Galega das Industrias Culturais traballa tamén en novas oportunidades de promoción, como os contactos coa Biennale de Danse de Lyon de cara ao Foco Ibérico previsto para 2027 ou a posible articulación dun foco Galicia en FiraTàrrega. Estas liñas súmanse á colaboración para o intercambio entre Galicia Escena PRO e Dansa València, onde en 2026 foi seleccionado o espectáculo galego Diz-me meu amor, interpretado por Raquel Ferradás e María de Vicente. Tamén se teñen en conta misións inversas, como o Foro sobre distribución nacional e internacional da danza de Galicia, que en 2026 se celebrará os días 8 e 9 de xullo nos concellos de Ames e Outes, no marco do festival Abanea.

Como ferramenta de apoio a esta estratexia, o Goberno galego publicou recentemente a terceira edición do catálogo Danza Galicia, con 55 formacións e 137 títulos en repertorio, que está a funcionar como carta de presentación da diversidade coreográfica galega ante festivais, feiras, teatros e redes profesionais.

Comparte