Nova: A Xunta e Fademga colaboran na mellora da accesibilidade do Museo Gaiás para persoas con discapacidade intelectual
17/06/2026
A Xunta e Fademga colaboran na mellora da accesibilidade do Museo Gaiás para persoas con discapacidade intelectual
Profesionais da federación e persoas con discapacidade intelectual están a avaliar a sinalización, a orientación e a comprensión dos espazos
Esta actividade dá continuidade ao convenio asinado entre ambas entidades para fomentar unha programación e instalacións inclusivas na Cidade da Cultura
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia está a avanzar na accesibilidade dos espazos da Cidade da Cultura en colaboración coa Federación de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Con este obxectivo, acaba de levarse a cabo unha xornada con profesionais en formación e persoas con discapacidade intelectual que analizaron as instalacións do Museo Centro Gaiás.
Durante a actividade, as persoas participantes percorreron diferentes rutas co obxectivo de avaliar a comprensión, orientación e uso dos espazos por parte das persoas visitantes. O grupo de traballo centrouse na observación e análise de elementos clave como a identificación dos accesos, a claridade da sinalización ou a facilidade de desprazamento polas diferentes estancias.
As súas conclusións servirán para elaborar propostas de mellora concretas para o Gaiás, e tamén reflexionar sobre a accesibilidade cognitiva dos espazos culturais, co fin de que todas as persoas poidan relacionarse con eles dunha maneira autónoma e segura.
Convenio de colaboración
Esta xornada práctica forma parte das actividades impulsadas ao abeiro do convenio de colaboración asinado o pasado mes de xaneiro entre Fundación Cidade da Cultura e Fademga. Aquel acordo sentou as bases para avanzar na inclusión e garantir que os grandes eventos e as exposicións do Gaiás conten con contidos e espazos accesibles para as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
Con este tipo de accións conxuntas, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude afonda no cumprimento da Lei de Cultura Inclusiva e accesible de Galicia, promovendo que as condicións das súas infraestruturas e servizos permitan a toda a cidadanía gozar da súa programación cultural.


