Nova: A Xunta apoia a décimo cuarta edición do Festival Atlántica de narración oral que se suma ás celebracións do ‘Ano Oteriano’
15/06/2026
A Xunta apoia a décimo cuarta edición do Festival Atlántica de narración oral que se suma ás celebracións do ‘Ano Oteriano’
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, erixe a cita como “referente internacional” e gaba o seu rol no impulso dunha cultura descentralizada, inclusiva e accesible
O certame conta coa presenza de 64 artistas en espazos patrimoniais de 33 localidades da comunidade do 26 de xuño ao 10 de xullo
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026
O director xeral de cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do Festival Atlántica de narración oral, o certame que se celebra co apoio da Xunta do 16 de xuño ao 10 de xullo en 33 localidades galegas. Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a edición deste ano súmase á celebración do Ano Oteriano, incorporando propostas que dialogan co seu fundamental legado na cultura galega, reforzando a conexión entre tradición e contemporaneidade.
Neste marco, Anxo M. Lorenzo aproveitou a ocasión para recoñecer a capacidade da organización do Festival para “estar sempre atenta á cultura que os rodea” e gabou “a ampla traxectoria dun certame que non deixa de medrar ano tras ano, tras erixirse como referente internacional arredor das artes escénicas da palabra”. Así mesmo, puxo en valor a “descentralización da cultura que caracteriza historicamente a esta cita”, que desenvolve a súa programación nas catro provincias, chegando tanto a cidades como a pequenas vilas e parroquias no rural, favorecendo o acceso á cultura e contribuíndo á cohesión territorial con diversas iniciativas para todos os públicos en liña cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
Ademais, insistiu na “proxección exterior e o valor do intercambio cultural presente na súa programación”, coa presenza de artistas procedentes de Portugal, País Vasco, Zamora, Huelva e Colombia que fan de Galicia unha “rede internacional de creación arredor da palabra”.
Inclusión e accesibilidade
Ademais da súa presenza en máis de trinta concellos galegos, o director xeral de Cultura tamén puxo en valor o compromiso deste festival coa inclusión e accesibilidade a través da incorporación de funcións con interpretación en lingua de signos e a promoción da participación activa de entidades sociais e de persoas con diversidade funcional.
O programa completo, que chegará aos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, A Baña, Alfoz do Castrodouro, A Pobra do Caramiñal, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, Ribeira, Pazos de Borbén, Sanxenxo, Vilalba, Vimianzo, Cedeira, Padrón, Lalín, Xunqueira de Ambía, Taboada, A Pobra de Brollón, Castroverde, Barreiros, Neda, Brión, Quiroga, A Fonsagrada, Ourense, Vigo, A Coruña, A Estrada, Lugo e Sober, pódese consultar na web do festival.
