Nova: A Xunta celebrará o Día da Música con concertos de Radio Cos e Lagharteiras e baile tradicional no Gaiás
14/06/2026
A Xunta celebrará o Día da Música con concertos de Radio Cos e Lagharteiras e baile tradicional no Gaiás
As actividades da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolveranse o 21 de xullo, no Xardín do Teatro, con entrada de balde e libre ata completar capacidade
Será unha das últimas oportunidades de ver en directo a Radio Cos, banda referente da música de raíz fundada por Xurxo Fernandes e Quique Peón
Serxio Cobos impartirá un taller que conecta estilos de baile agarrado como o vals ou o pasodobre cos ritmos do folclore galego
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia organiza unha xornada de baile e música tradicional na Cidade da Cultura para conmemorar o Día Europeo da Música, o domingo 21 de xuño. Este Solsticio Musical contará coa actuación de Radio Cos, unha das bandas máis recoñecidas da música de raíz dos últimos vinte anos, e coas voces e pandeiretas da premiada agrupación Lagharteiras. Ademais, as actividades organizadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inclúen un obradoiro práctico, impartido polo mestre de danza Serxio Cobos, quen afondará nas conexións dos bailes galegos con estilos doutras épocas e rexións do mundo.
O Xardín do Teatro acollerá, no día máis longo do ano, un tarde completa de música e baile que rende homenaxe á tradición galega e a conecta coa contemporaneidade. As actividades arrincarán co taller Agarrad@s e non só, a partir das 16,30 horas, para o que xa están abertas as inscricións, de balde, na web da Cidade da Cultura. Baixo a guía de Serxio Cobos, farase un repaso das influencias e lazos que ritmos como o valse, o pasodobre ou a polca manteñen con bailes do noso folclore, como a muiñeira corrida ou a mazurca de Moaña.
A celebración do Solsticio Musical seguirá coa música de Lagharteiras, que subirán ao escenario ás 19,00 horas. O grupo de Mos conta cunha longa traxectoria na recuperación, conservación e divulgación do canto tradicional galego e da pandeireta. O seu traballo fíxoas merecedoras de numerosos galardóns, así como que C. Tangana contara con elas para o tema Oliveira dos cen anos, composto para conmemorar no ano 2023 o centenario do RC Celta de Vigo.
Despedida de Radio Cos
No peche da xornada os protagonistas serán Radio Cos, que actuarán a partir das 20,30 horas. O proxecto que iniciaron Xurxo Fernandes e Quique Peón (voz e percusión) hai xa 21 anos despídese este verán logo de editar dous discos (Radio Cos, 2013 e Pasatempo, 2016) e percorrer escenarios de Bélxica, Inglaterra, Escocia, Bretaña e Galicia combinando música tradicional e sonoridades populares nun directo cheo de forza, humor e reinterpretación do patrimonio musical galego.
Para este concerto no Gaiás ambos volven reunirse con Pedro Lamas na gaita e saxo, Nikolay Velikov no violino e Roberto Comesaña no acordeón para facer un repaso dos seus grandes éxitos, oito anos despois do seu último concerto.
Ambas actuacións serán con acceso libre e de balde ata completar a capacidade do Xardín do Teatro da Cidade da Cultura.


