Nova: A Xunta convoca a nova edición do premio Elías Valiña para recoñecer o labor revitalizador dos camiños de Santiago

14/06/2026

A Xunta convoca a nova edición do premio Elías Valiña para recoñecer o labor revitalizador dos camiños de Santiago

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude distingue con 15.000€ o traballo de entidades sen ánimo de lucro que promoven valores culturais, sociais e espirituais das rutas xacobeas

As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica a través da sede do Goberno autonómico ata o 2 de xullo

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2026

A Xunta acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convocan as bases reguladoras do Premio Elías Valiña 2026, destinado a distinguir o labor revitalizador e de defensa dos valores do Camiño de Santiago por parte de asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan estas funcións dentro ou fóra de Galicia.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recoñece proxectos que inclúan accións de protección do patrimonio material, investigación e divulgación, fomento do asociacionismo ou promoción dos valores espirituais, sociais e solidarios que definen o espírito do Camiño. A contía económica do galardón ascende a 15.000€, con posibilidade de repartirse entre varias entidades. Ademais, poderá concederse unha mención especial, sen dotación económica, a título individual.

O galardón leva o nome de Elías Valiña Sampedro, párroco do Cebreiro, figura clave na recuperación da ruta xacobea e impulsor das emblemáticas frechas amarelas. Como estudoso do Camiño, deixou obras de referencia como El Camino de Santiago: estudio histórico-jurídico (1971) e promoveu o primeiro Boletín del Camino de Santiago.

A convocatoria deste ano dá continuidade a unha traxectoria consolidada. Na súa edición anterior, o Premio Elías Valiña outorgóuselle á Confraternidade Saint James de Croacia por promover os valores do Camiño neste país balcánico, no que foron precursores en 2019 cun proxecto de revitalización das rutas de peregrinación medievais ata Santiago de Compostela. Ademais, deulle unha mención especial, a Laima Liucija Andrikienè polo seu traballo a prol das Rutas Xacobeas como eurodeputada no Parlamento Europeo.

As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través da sede da Xunta no prazo dun mes, ata o 2 de xullo. A documentación a achegar inclúe unha memoria xustificativa das actividades desenvolvidas nos últimos cinco anos, entre outros requisitos. Poderán optar entidades con máis de cinco anos de traxectoria activa e que non resultasen premiadas nas últimas cinco edicións.

Comparte