Nova: López Campos reivindica a forte pegada na cultura galega da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago
13/06/2026
López Campos reivindica a forte pegada na cultura galega da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na entrega da Medalla de Ouro da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago ao empresario José Gabriel Barreiro Pérez. Alí, enxalzou a súa extensa traxectoria “que contribuíu á creación e consolidación do sector das tecnoloxías da comunicación e información en Galicia, así como a súa implicación en iniciativas culturais e sociais”.
Neste senso, o representante de Cultura do Goberno galego reivindicou a forte pegada na cultura galega da entidade compostelá, “que promoveu proxectos tan importantes como o Panteón de Galegos e Galegas ilustres, un espazo de recoñecemento a aqueles que contribuíron excepcionalmente ao desenvolvemento cultural, social e científico da nosa terra”. Ademais, fixo fincapé no continuo traballo de difusión e posta en valor do patrimonio dunha das institucións sociais máis antigas de Galicia, nada en 1784.


