Nova: López Campos anuncia unha nova edición de 'Territorio Cultura' con 250.000 euros para proxectos no rural
13/06/2026
López Campos anuncia unha nova edición de 'Territorio Cultura' con 250.000 euros para proxectos no rural
O obxectivo desta iniciativa é ampliar e diversificar a actividade cultural en áreas non urbanas a través de propostas de creación, mediación, dinamización, investigación, exhibición ou intercambio
Á cita asistiron entidades responsables de propostas vencelladas coa danza, o audiovisual, o patrimonio oral, a cultura comunitaria, a memoria, a creación contemporánea e a dinamización da Ribeira Sacra, O Courel, a Costa da Morte ou a comarca de Sarria
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2026
O programa Territorio Cultura contará este ano cunha nova edición dotada con 250.000 euros para o impulso de proxectos culturais multidisciplinares en concellos do rural galego. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante unha xuntanza mantida hoxe na Cidade da Cultura con representantes de nove das iniciativas beneficiarias da última convocatoria destas axudas, co obxectivo de poñer en común o estado de desenvolvemento dos proxectos apoiados.
O encontro, no que tamén participaron o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, desenvolveuse coa asistencia de representantes de Neodans, aAntena, Ouvirmos, a Asociación Cultural Morreu o Demo, Casa de Tolos, O Castro Art Village, a Asociación Cultural Sacra Experience, a Fundación Uxío Novoneyra e a Asociación A Memoria é Náufraga. Todas elas forman parte como adxudicatarias da convocatoria de 2025 de Territorio Cultura, que conta con parte de financiamento do Goberno de España e a través da que a Xunta distribuíu 300.000 euros entre 12 proxectos de iniciativa privada para ampliar e diversificar a oferta cultural en preto de 60 concellos non urbanos.
Nova convocatoria
Tal como explicou López Campos, para a nova edición de Territorio Cultura 2026, cuxas bases serán elevadas proximamente ao Consello da Xunta, prevese manter unha orientación similar á da anterior edición, “totalmente en conexión cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia de descentralización xeográfica, de vertebración territorial e de fomento do acceso ás distintas disciplinas artísticas a través tanto da produción como do desfrute por parte do público”. “O Goberno galego daralle así continuidade a un programa que contribúe á descentralización e á innovación cultural en Galicia, favorecendo a chegada de propostas profesionais e multidisciplinares a municipios rurais e reforzando o papel da cultura como ferramenta de cohesión, participación e desenvolvemento territorial”, expresou.
Deste xeito, as axudas volverán dirixirse a empresas, fundacións e asociacións culturais para levar a cabo proxectos que activen procesos vinculados co territorio e que contribúan á profesionalización do sector en áreas rurais. A liña está concibida para apoiar propostas arredor da creación, investigación, mediación, exhibición, dinamización ou intercambio cultural, entre outros ámbitos. Tamén busca favorecer novas oportunidades laborais, estables e de calidade, así como fortalecer os vínculos individuais e colectivos co territorio a través da cultura.
Na anterior convocatoria de 2025, os proxectos subvencionados desenvolvéronse en concellos de menos de 10.000 habitantes ou de ata 30.000 no caso dos de menor densidade poboacional. Ademais, varias das iniciativas incorporaron accións de colaboración e intercambio con outras comunidades autónomas, co mesmo obxectivo de dinamizar culturalmente núcleos non urbanos e xerar redes arredor da creación contemporánea, o patrimonio, a participación cidadá e a innovación cultural.
Iniciativas en marcha
Entre os proxectos participantes na xuntanza figuram Tecedora SóLODOS, de Neodans, proposta de dinamización cultural e participación comunitaria que combina danza, música, circo, gastronomía e artesanía no interior de Ourense e Lugo. Tamén asistiu aAntena, responsable de Carriza, programa multidisciplinar arredor do patrimonio oral, os saberes tradicionais, o medio ambiente, a tecnoloxía e o patrimonio material na Costa da Morte. Ouvirmos desenvolve Sarria<30, centrado na formación, a capacitación e o emprendemento cultural na comarca de Sarria, mentres que a Asociación Cultural Morreu o Demo impulsa Da barraca á aula. A memoria das festas, coa recuperación e divulgación do patrimonio dos títeres tradicionais a partir da figura de Barriga Verde.
Pola súa banda, Casa de Tolos leva a cabo A radio (o radiovisual) do patrimonio. A memoria compartida, unha iniciativa inspirada no modelo de Ponte... nas Ondas! para iniciar procesos participativos arredor do patrimonio cultural inmaterial. Tamén houbo representación de O Castro Art Village, promotora de Kinoterra Initiative, laboratorio de creación audiovisual sobre a despoboación, o papel da muller e o cambio climático no rural galego; da Asociación Cultural Sacra Experience, que desenvolve Habitar-nos na Ribeira Sacra para reforzar o tecido social e a creación de redes entre aldeas en risco de despoboamento; da Fundación Uxío Novoneyra, responsable de Territorio Novoneyra III: 25 aniversario, e da Asociación A Memoria é Náufraga, organizadora deVendaval, mostra itinerante de cinema portugués da Ribeira Sacra.
