Nova: Anxo M. Lorenzo pon en valor a mostra ‘Ramón Otero Pedrayo’ do Arquivo Histórico de Ourense por reflectir a súa “eterna influencia” na cultura galega

12/06/2026

Anxo M. Lorenzo pon en valor a mostra ‘Ramón Otero Pedrayo’ do Arquivo Histórico de Ourense por reflectir a súa “eterna influencia” na cultura galega

O director xeral de Cultura salientou a vixencia das súas reflexións que o manteñen como referente intelectual actual

A mostra inxírese na programación do Ano Oteriano, que conmemora o 50º aniversario da morte do autor e tamén o centenario da obra Guía de Galicia

Ourense, 12 de xuño de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, inauguraron hoxe a exposición Ramón Otero Pedrayo. 50º cadobano (1976 – 2026), no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, para achegar a figura e obra do intelectual a través dos fondos desta entidade pública e doutras entidades, ao abeiro da programación do Ano Oteriano.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que esta exposición constitúe “unha grande oportunidade para achegarse á dimensión humana e intelectual dunha das figuras máis relevantes da cultura galega contemporánea”, e que a iniciativa busca “manter viva a vixencia do seu pensamento e divulgar entre a cidadanía un legado que continúa a ser unha referencia da identidade galega”.

Nesta liña, Anxo M. Lorenzo subliñou a fonda vinculación de Ramón Otero Pedrayo coa provincia de Ourense, “terra á que dedicou boa parte da súa obra e da súa reflexión intelectual”, e destacou que a mostra permite “descubrir tanto a súa faceta literaria como a súa contribución ao desenvolvemento cultural e social de Galicia”.

A exposición

Con motivo da declaración de 2026 como Ano Oteriano polo Parlamento de Galicia, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destaca o papel de Otero Pedrayo, considerado como “patriarca das letras galegas”, na cultura e na literatura galegas do século XX cunha programación diversa e completa entre as que se atopa esta iniciativa.

 A mostra, que poderá visitarse do 12 de xuño ao 11 de setembro, conta con 32 pezas documentais, entre as que resaltan varios autógrafos de Ramón Otero Pedrayo: o poema A Estadea, o conto O sorriso da serea, correspondencia con Fermín Bouza Brey ou un Informe sobor de unha idea de Historia de Galiza dirixido a Ferro Couselo e Cuevillas.

Neste sentido, a exposición nace da colaboración entre diversas institucións e persoas, con testemuñas do autor que se conservan no Arquivo e Biblioteca do centro e en coleccións particulares a través das que se fai un repaso da traxectoria vital e profesional do ourensán.

Comparte