Nova: A Xunta presenta no arquivo histórico provincial un libro do século XVIII do Mosteiro de Penamaior de Becerreá

09/06/2026

A Xunta presenta no arquivo histórico provincial un libro do século XVIII do Mosteiro de Penamaior de Becerreá

O delegado territorial, Alfonso Villares, participou na conmemoración do Día Internacional dos Arquivos no centro lucense, que deu a coñecer este novo elemento da serie “Documentos singulares”

Lugo, 9 de xuño de 2026.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conmemorou hoxe no Arquivo Histórico Provincial de Lugo o Día Internacional dos Arquivos con varios actos nos que participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares.

Como vén sendo habitual, o centro lucense aproveitou a efeméride para presentar ante o público unha mostra do patrimonio que custodia, neste caso o Tombo 3 do Mosteiro de Penamaior de Becerreá, que incorporou á súa serie “Documentos singulares”; con tal motivo, elaborou unha publicación na que, ademais de reproducir o orixinal, achega información sobre o contido e o contexto no que se elaborou.

Este libro foi escrito entre 1702 e 1835 e nel consignáronse datos relativos á fundación do mosteiro, aos privilexios e doazóns que lle outorgaron reis e nobres, e especialmente, sobre as súas propiedades, que se estendían polo territorio dos actuais municipios de Becerreá, As Nogais, Baralla, Triacastela, Láncara, Baleira, Sarria, O Corgo, Castroverde, A Fonsagrada e Monforte de Lemos.

Villares gabou o importante papel que desempeña o Arquivo Histórico Provincial tanto para investigadores e estudosos como para a cidadanía en xeral, destacando que  “preserva o noso pasado e fortalece a nosa identidade”.

Pechou a programación un concerto a cargo dun quinteto de vento metal da Xove Orquestra de Lugo Terra Nova, que dirixe Nicolás Ravelli Barreiro. Ademais, durante a mañá celebrouse unha sesión de portas abertas na que os participantes puideron coñecer as instalacións e o tratamento que segue a documentación desde que se recibe ata que se garda nos depósitos.

Comparte