Nova: López Campos destaca a aposta da Xunta por unha programación cultural de calidade en alianza con prestixiosas entidades culturais europeas

09/06/2026

López Campos destaca a aposta da Xunta por unha programación cultural de calidade en alianza con prestixiosas entidades culturais europeas

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visita na Biblioteca Ánxel Casal unha exposición sobre o cómic checo, en colaboración con institucións deste país

O representante do Goberno galego salienta o “bo momento” da banda deseñada en Galicia, cuxa evolución ve semellante a que se está a vivir na da República Checa

A mostra amosa un percorrido polas creacións das últimas décadas e pode visitarse ata o 30 de xuño nas instalacións do centro bibliotecario compostelán

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe a aposta que está a realizar a Xunta por desenvolver unha programación cultural “de calidade en alianzas con prestixiosas entidades culturais galegas e europeas”. Así o salientou na visita, na Biblioteca Pública Ánxel Casal, á exposición Aquí e agora: o cómic checo contemporáneo, organizada en colaboración cos Centros Checos, Instituto de Literatura Checa e o Museo de Moravia.

Neste senso, López Campos subliñou “o prestixio deste xénero” en Galicia, que atribuíu ao “enorme talento dos creadores galegos e da aposta que están a facer por eles as editoriais e os lectores e lectoras”. Precisamente, considerou “aval do bo facer dos nosos profesionais” os recoñecementos e galardóns que están a recibir. Así, puxo como exemplos os obtidos por Bea Lema, Premio Nacional do Cómic 2024, ou os de Alberto Vázquez, “tamén novelista gráfico que deu o salto á animación audiovisual con numerosos premios”.

“Galicia xa tiña precursores excelsos aos que mirar, como Castelao, e que sementaron e serviron de referentes para darlle pulo e coraxe creativa aos novos talentos á hora de proxectar os seus traballos e acadar éxito dentro e fóra da nosa Comunidade, sendo parte importante do prestixio da marca e imaxe Galicia Calidade”, aseverou.

Paralelismos cómic galego e checo

Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante do Goberno galego gabou o resultado da exposición, comisariada Pavel Kořínek e Tomáš Prokupek, que permite un percorrido polo traballos de destacados autores e autoras internacionais como Jaromír Švejdík, Lenka Šimečková ou Lucie Lomová.

Deste xeito, puxo en valor que a mostra, que pode visitarse ata o 30 de xuño  no vestíbulo e salón de actos da Biblioteca Pública Ánxel Casal, ofrece unha visión panorámica da evolución do cómic checo nas dúas últimas décadas, “xénero que neste país, a semellanza do que está a ocorrer en Galicia, está a vivir un bo momento, tal vez incluso o mellor da súa historia”, concluíu.

Comparte