Nova: A Xunta divulga nunha mostra no Gaiás a importancia dos mapas meteorolóxicos históricos con motivo do Día Internacional dos Arquivos

09/06/2026

A Xunta divulga nunha mostra no Gaiás a importancia dos mapas meteorolóxicos históricos con motivo do Día Internacional dos Arquivos

O proxecto recrea a estrutura dos antigos almanaques, publicacións con prognósticos meteorolóxicos e información de interese xeral para a poboación

Anxo M. Lorenzo pon en valor a “riqueza dos fondos do Arquivo de Galicia, que reflicten e divulgan avances históricos”

Paula Uría destaca a “orixinalidade da información histórica” da mostra, artellada coas cesións realizadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, inauguraron hoxe no Arquivo de Galicia a mostra Cousas do tempo. Documentos dun almanaque imaxinado, coa que a Xunta divulga a importancia dos mapas meteorolóxicos históricos, dentro da programación de celebración hoxe do Día Internacional dos Arquivos.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor esta mostra, composta por mapas meteorolóxicos históricos que foron cedidos pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e que poderá visitarse ata o mes de outubro. Neste senso, Anxo M. Lorenzo destacou  a importancia da “riqueza dos fondos do Arquivo de Galicia para entender a evolución da nosa sociedade ao longo do tempo”. Pola súa Banda, a representante da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático incidiu na orixinalidade da exposición que, “a través do clima, proporciona información histórica sobre as tradicións socioculturais da Comunidade”. 

A mostra, comisariada polos técnicos do Arquivo de Galicia María del Mar García Miraz e Miguel López Sánchez, acolle un total de 146 documentos divididos en 12 vitrinas que emulan os meses do ano. Así, en cada unha delas exhíbese un mapa de isóbaras, elaborados no aeroporto de Lavacolla entre os anos 50 e 80. Xunto a eles, unha selección de documentos procedentes dos fondos do Arquivo de Galicia que representan as actividades propias do mes como, por exemplo, o entroido, a Semana Santa ou as festas do Apóstolo.

A riqueza dos fondos documentais

Cada ano, con motivo do Día Internacional do Arquivo, a institución elabora unha exposición temática con documentos baixo a súa custodia para que a poboación poida coñecer o gran valor dos seus fondos documentais.

Así, nos últimos tempos realizáronse mostras como Educando a mirada. Leccións de arte e deseño, que abordaba o papel transformador do ensino artístico en Galicia; As mulleres do hospital de Conxo, que amosaba o relato das mulleres internadas no centro; ou Patrimonio Industrial. Memoria e cultura, que reflectía o proceso de industrialización en Galicia.

Comparte