Nova: López Campos trasládalles aos alcaldes da Ribeira Sacra o compromiso da Xunta e o Goberno central na defensa da candidatura a Patrimonio Mundial

09/06/2026

López Campos trasládalles aos alcaldes da Ribeira Sacra o compromiso da Xunta e o Goberno central na defensa da candidatura a Patrimonio Mundial

Destaca os “múltiples argumentos favorables” do informe de Icomos para seguir traballando de cara á consecución dun “reto difícil, pero con posibilidades”

Explica que se trata dun organismo consultivo non vinculante e que a decisión recaerá no Comité de Patrimonio, que se celebra o vindeiro mes en Corea do Sur

Sober (Lugo), 9 de xuño de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, trasladoulles aos alcaldes da Ribeira Sacra o “pleno compromiso” da Xunta de Galicia e o Goberno central na “inquebrantable defensa” da candidatura a Patrimonio Mundial, que terá lugar a finais do vindeiro mes en Corea do Sur.

Acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, o representante do Goberno galego analizou polo miúdo cos rexedores o informe da candidatura do Consello Internacional de Monumentos e Sitios-Icomos e da Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Precisamente, salientoulles que recolle “múltiples argumentos favorables, que convidan a Xunta e Goberno Central a manter viva a candidatura”.

En concreto, López Campos destacoulles que nesta análise valórase o estado de conservación e a protección xurídica da paisaxe cultural deste territorio, que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense. Así mesmo, incidiu en que Icomos salienta as iniciativas de turismo sustentable e as calidades paisaxísticas e a longa historia de interacción entre persoas, auga e paisaxe. Nesta liña, apuntoulles que gaba a importancia de elementos como os socalcos, as cavaduras, os muíños, o patrimonio monástico ou as tradicións inmateriais.

Do mesmo xeito, indicoulles que nesta avaliación tamén fai un recoñecemento á gobernanza colaborativa e a coordinación institucional, ao tempo que enxalza o esforzo realizado en todo o procedemento entre a Xunta, o Estado e os actores e entidades locais involucradas, entre as que se atopan os concellos presentes nesta xuntanza.

Por estes motivos, o conselleiro confirmoulles que a Xunta de Galicia e o Goberno central apostan por continuar traballando conxuntamente nas vindeiras semanas para “facer achegas e aclaracións precisas e defender o proxecto ata o final”. Neste senso,  celebrou a implicación e colaboración do Ministerio de Cultura con este proxecto de país que supón “un reto difícil, pero no que confiamos na potencialidade deste territorio”.

Así mesmo, no encontro cos alcaldes, o titular de Cultura da Xunta aclaroulles que Icomos é un organismo consultivo da Unesco, “polo tanto  informa e recomenda, pero non é vinculante”. Así, precisoulles que a avaliación da mesma dependerá do que decidan os embaixadores dos 21 países que forman parte do Comité do Patrimonio Mundial, “e dos que se debe salientar que levaron unha moi boa impresión da presentación realizada polo Goberno galego en Madrid no pasado mes de abril”.

Comparte