Nova: A Xunta de Galicia e o Goberno de España reafirman o seu compromiso coa candidatura da Ribeira Sacra

08/06/2026

A Xunta de Galicia e o Goberno de España reafirman o seu compromiso coa candidatura da Ribeira Sacra

Destacan os múltiples argumentos positivos do informe de Icomos para seguir traballando para a consecución dun reto difícil, pero con posibilidades

Explican que se trata dun organismo consultivo e que a decisión final recaerá no Comité de Patrimonio que se celebra o vindeiro mes en Corea do Sur

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2026

A Xunta de Galicia e o Goberno de España apostan por continuar traballando conxuntamente nas vindeiras semanas para facer achegas e aclaracións precisas e defender a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial ata o final.

Tras analizar o informe da candidatura do Consello Internacional de Monumentos e Sitios-Icomos e da Unión Internacional para a Conservación da Natureza, valórase que haxa múltiples argumentos favorables, que convidan a Xunta e o Goberno de España a seguir analizando as posibilidades da candidatura.

En concreto, nel saliéntase o estado de conservación e a protección xurídica da paisaxe cultural deste territorio, que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense. Así mesmo, nesta avaliación Icomos destaca as iniciativas de turismo sustentable e as calidades paisaxísticas e a longa historia de interacción entre persoas, auga e paisaxe. Nesta liña, incide na importancia de elementos como os socalcos, as cavaduras, os muíños, o patrimonio monástico ou as tradicións inmateriais.

Do mesmo xeito, fai un recoñecemento á gobernanza colaborativa e á coordinación institucional, ao tempo que enxalza o esforzo realizado en todo o procedemento entre a Xunta, o Estado e os actores e entidades locais involucradas.

Numerosos precedentes

O informe emitido por Icomos ten carácter consultivo e non vinculante, polo que a decisión definitiva sobre a candidatura corresponderá ao Comité del Patrimonio Mundial da Unesco, integrado por 21 Estados membros, que celebrará a súa vindeira reunión en Busan (Corea do Sur) a finais de xullo.

Para afrontar con garantías esta fase decisiva do proceso, resultará fundamental unha actuación coordinada entre a Xunta de Galicia, o Ministerio de Cultura e o Ministerio de Asuntos Exteriores, co obxectivo de reforzar o apoio internacional á candidatura.

As fortalezas que posúe a Ribeira Sacra: Paisaxe da agua fan confiar a Xunta e o Ministerio de Cultura das súas posibilidades para facerse con este recoñecemento na cita decisiva o vindeiro mes en Corea do Sur.

Comparte