Nova: A Xunta pon en servizo o novo chan do adarve da Muralla á altura da rúa do Moucho para testar a súa idoneidade
08/06/2026
A Xunta pon en servizo o novo chan do adarve da Muralla á altura da rúa do Moucho para testar a súa idoneidade
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explicou que a medida complementou a rehabilitación do paramento, executada en tempo récord tras a derriba ocasionada polos temporais do inverno
Lugo, 8 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia puxo en servizo o novo chan do adarve da Muralla no tramo situado á altura da rúa do Moucho, co fin de testar a súa resistencia, eficacia e idoneidade en xeral.
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, desprazouse ata a zona, onde hoxe mesmo se retiraron as vallas e a pasarela provisional que permitiu o paso mentres fraguaba o novo material.
Explicou que con esta actuación culmina a rehabilitación do treito que sufriu en febreiro o derrubamento do paramento interior a causa dos fortes temporais; foi reconstruído en apenas un mes cun investimento de preto de 200.000 euros, “e aproveitouse a oportunidade para executar esta medida complementaria e estender os ensaios cos novos acabados que xa se iniciaran no cubo XVIII”, afirmou Villares.
Neste sentido, o delegado sinalou que a filtración de humidades é, como se viu neste caso, un dos principais problemas do monumento, “e calquera das solucións que se avalían melloraría esta circunstancia porque engaden unha capa impermeable no chan”. En todo caso, apuntou, “é preciso comprobar outras variables como que resulten funcionais para o uso da cidadanía”.
Actualmente estanse probando catro tipos diferentes de remates superficiais no adarve apoiándose nas técnicas construtivas e os materiais utilizados na época romana, fundamentalmente area, cal e fragmentos de lousa ou arxila, entre outros.
Esta última incorporación cubre uns seis metros cúbicos de superficie -unha lonxitude de algo máis de 10 metros en toda a anchura- e baséase nunha das tres mesturas aplicadas con anterioridade nas inmediacións da Porta Miñá, se ben utiliza máis tella en pequenos fragmentos.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude prevé realizar un investimento de 1 millón de euros durante o bienio 2026-2027 para desenvolver diferentes intervencións no marco do Plan de Conservación e Xestión da Muralla.


