Nova: A Xunta convida o público a compartir procesos creativos de danza e artes vivas no marco do seu apoio aos 10 proxectos das ‘Residencias Paraíso’ 2026
08/06/2026
A Xunta convida o público a compartir procesos creativos de danza e artes vivas no marco do seu apoio aos 10 proxectos das ‘Residencias Paraíso’ 2026
O Centro Dramático Galego recibe hoxe a Bflecha, Mwëslee e Diana Toucedo co proxecto ‘Stratos, (la piedra siempre estuvo allí)’, e o vindeiro luns chegarán Sara Somoza e Ismael Eirexas Romeü con ‘Monxa Millo Sentinela’
As estadías combinadas que se realizan estas semanas coa Cidade da Cultura de Galicia culminarán con cadansúas mostras abertas ao público os venres 12 e 19 de xuño no Salón Teatro
O programa que organiza o colectivo RPM esténdese a toda Galicia con outras oito propostas artísticas en desenvolvemento
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2026
O Centro Dramático Galego recibe hoxe no Salón Teatro de Santiago de Compostela o equipo multidisciplinar formado pola compositora BFlecha, o produtor musical Mwëslee e a cineasta Diana Toucedo co proxecto Stratos (La piedra siempre estuvo allí), primeira das dúas estadías combinadas coa Cidade da Cultura de Galicia no marco do programa Residencias Paraíso apoiado pola Xunta de Galicia. O proxecto forma parte da iniciativa de impulso á creación de danza contemporánea e artes vivas que organiza o Colectivo RPM co financiamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que se completa con outras nove propostas a se desenvolve ata o mes de outubro en diferentes espazos da xeografía galega.
Despois do seu paso polo Gaiás, o Salón Teatro acollerá tamén a vindeira semana os investigadores e artistas galegos Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü, que traballarán sobre o proxecto Monxa Millo Sentinela. Ambas as dúas residencias culminarán con cadansúas mostras abertas ao público sobre o avance realizado, que terán lugar no escenario do número 34 da compostelán rúa Nova os venres 12 e 19 de xuño ás 20,00 h. con acceso gratuíto ata completar a capacidade do patio de butacas.
Stratos (La piedra siempre estuvo allí) é unha viaxe sensorial que entrelaza música, cinema e artes escénicas, creando unha linguaxe común. Federico Vladimir e Pablo Lilienfeld colaboran tamén neste proxecto que incide en como o micro afecta ao macro, dándolle forma a un espazo escénico que establecerá contacto con sistemas de comunicación bioquímica e seres unicelulares. Música viva, materia e imaxe para entrelazar o humano e o non humano e amplificar a nosa percepción do mundo.
Posteriormente, o luns 15 de xuño comezará no Centro Dramático Galego o traballo dos investigadores e artistas Sara Somoza e Ismael Eirexas Romeü para Monxa Millo Sentinela. Trátase dunha proposta que explora a cultura popular, os corpos e a paisaxe do territorio galego que cuestiona as nocións de xénero e memoria cultural, combinando ficción, documental e creación.
Obxectivo estratéxico
O apoio por parte da Xunta a Residencias Paraíso mantense desde 2017 e insírese na continuidade da execución dos obxectivos estratéxicos do Plan Integral para a Danza de Galicia, que establece como prioritario o incremento e a diversificación dos programas de residencias artísticas en Galicia. Nesta liña, mantéñense vías de colaboración a través do Centro Coreográfico Galego con outras iniciativas que facilitan este tipo de estadías, como Atopémonos Bailando, Festival Abanea, A Casa Vella ou Da Man.
Coa mesma finalidade, o Centro Dramático Galego ten entre as súas canles de colaboración co sector escénico brindar recursos técnicos e humanos para que os artistas avancen nas súas creacións sobre o escenario.
En 2026, ademais da Cidade da Cultura e o Salón Teatro, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude suma tamén un ano máis como espazo receptor as instalacións da illa de San Simón, na ría de Vigo, onde se desenvolverá un encontro conxunto do 18 ao 20 de setembro.
No resto de Residencias Paraíso 2026 figuran os galegos Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo que mergullarán nun proceso de creación titulado Asoballada por fentos no Pazo da Cultura de Carballo. No Vello Cárcere de Lugo terán lugar dous proxectos: a arquitecta e coreógrafa madrileña Blanca Gómez Terán investigará sobre Como cuando el pelo se eriza e o músico e o artista performativo asturiano Óscar Bueno desenvolverá La excitación del paisaje: La roca bland / Parte II-La conferencia montañera.
Na residencia compartida entre La Fábrica (Oleiros) e Espazo RPM (A Coruña), o bailarín e coreógrafo canario Darío Bardam afondará na creación de Phantom. En Artistea (Ponteareas), o colectivo galego-navarro Disiden.Cia, formado polas bailarinas e coreógrafas Martina Los Arcos e Marcia Vázquez, traballará na peza Botar de menos o futuro.
Pola súa banda, o bailarín e coreógrafo galego Fran Martínez desenvolveráTransfixión nunha residencia situada no Convento de Santa Clara, no marco da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra. Na estadía na Casa da Cultura de Vimianzo, complementada cunha residencia técnica no Pazo da Cultura de Narón, estará o bailarín e creador galego Jandross Rodríguez, que traballará sobre Suksen. Pola súa banda, o artista brasileiro-portugués Pedro Vilela investigará no proceso de creación de Zoombies na Igrexa da Madalena, dentro da colaboración coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.


