Nova: A Xunta contará con expertos internacionais para situar Galicia na vangarda da xestión do patrimonio cultural
07/06/2026
A Xunta contará con expertos internacionais para situar Galicia na vangarda da xestión do patrimonio cultural
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrará o vindeiro 16 de xuño na Cidade da Cultura unha xornada para impulsar ferramentas avanzadas nesta área
A iniciativa está dirixida a persoa técnico das Administracións, así como arquitectos, arqueólogos e xestores culturais implicados na elaboración de estudos e plans
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2026
A Xunta organizará o vindeiro 16 de xuño, na Cidade da Cultura, a xornada Avaliar para protexer: as Avaliacións de Impacto Patrimonial como ferramenta chave na xestión do patrimonio cultural, unha iniciativa coa que procura situar Galicia na vangarda da aplicación de metodoloxías avanzadas para a protección e xestión do patrimonio da Comunidade.
Este encontro impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca reforzar o compromiso do Goberno galego coa modernización das políticas públicas de patrimonio, apostando pola incorporación de instrumentos técnicos que permitan anticipar impactos, mellorar a toma de decisións, ao tempo que garantir a compatibilidade entre conservación e desenvolvemento territorial.
Deste xeito, o departamento de Patrimonio Cultural da Xunta erixe as avaliacións de impacto patrimonial como unha ferramenta esencial para avaliar de maneira rigorosa os efectos das actuacións sobre os valores patrimoniais, en liña coas recomendacións de organismos internacionais como a Unesco, Icomos ou o Centro Internacional de Estudos para a Conservación e a Restauración dos Bens Culturais.
Con esta iniciativa, o Goberno galego procura avanzar na integración destes instrumentos nos procedementos administrativos, consolidando un modelo de xestión patrimonial máis preventivo, rigoroso e baseado en evidencia, e reforzando o seu papel como axente tractor na innovación e capacitación técnica no ámbito cultural.
Un programa con expertos de referencia internacional
A xornada contará coa participación de especialistas de prestixio internacional, que abordarán tanto o marco conceptual e normativo dos Estudos de Impacto Patrimonial como a súa aplicación práctica a través de casos reais. Deste xeito, estarán presentes Jose María Lanzarote, da Subdirección General de Gestión y Coordinación de los Bienes Culturales do Ministerio de Cultura, quen abordará o marco normativo e as recomendacións internacionais para a elaboración das avaliacións de impacto patrimonial.
Ademais, contarase con Víctor Fernández Salinas, catedrático de Xeografía Humana da Universidade de Sevilla, que analizará o concepto, función e alcance destes estudos; con José Antonio Padrón, arquitecto e membro de ICOMOS España, que afondará nos contidos e definicións básicas para a súa redacción e desenvolvemento; con María Pilar García Cuetos, catedrática de Historia da Arte na Universidade de Oviedo, especialista en intervención e conservación do patrimonio, e con Alfredo Conti, consultor internacional e experto en patrimonio mundial, que presentará experiencias e casos de referencia a nivel global.
Galicia como referente na capacitación e innovación en patrimonio
Con este encontro de expertos, a Xunta buscar reforzar a posición de Galicia como territorio de referencia na aplicación de estándares internacionais de xestión patrimonial, promovendo a transferencia de coñecemento e a formación especializada de profesionais.
A xornada está dirixida a persoal técnico da Administración autonómica, deputacións e concellos, así como a arquitectos, arqueólogos, xestores culturais e profesionais implicados na planificación territorial e na elaboración de estudos, plans e proxectos.
Con esta proposta da Consellería de Cultura, o Goberno galego continúa avanzando cara a un modelo de xestión do patrimonio cultural máis eficiente, sustentable e integrado nas políticas públicas, no que a avaliación do impacto se converte nun elemento central para garantir a súa protección e transmisión ás futuras xeracións.
