Nova: A Xunta organiza unha quincena de actividades para celebrar a Semana Internacional dos Arquivos

06/06/2026

A Xunta organiza unha quincena de actividades para celebrar a Semana Internacional dos Arquivos

Conferencias, concertos e difusión de pezas dos seus fondos, entre as actividades das cinco centros xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Achegaranlle á cidadanía dun xeito lúdico e con xornadas de portas abertas o importante labor que realizan de conservación e divulgación do noso patrimonio

O Arquivo de Galicia e o Histórico de Pontevedra inauguran mostras co gallo desta efeméride, ao igual que o Provincial de Ourense, vencellada co ‘Ano Oteriano’

Santiago de Compostela, 6 de xuño do 2026

A Xunta de Galicia programa unha quincena de actividades para todos os públicos para celebrar o Día Internacional dos Arquivos, que se conmemora o vindeiro martes, día 9, coa intención de achegar o seu traballo á cidadanía e que coñezan de primeira man e dun xeito lúdico o importante labor que realizan de conservación e protección do noso patrimonio. Ao longo dos días previos e posteriores, e especialmente na mesma xornada da efeméride, organizaranse xornadas de portas abertas, visitas guiadas, conferencias, concertos, presentación de pezas dos fondos nos cinco arquivos xestionados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Cómpre destacar que a programación para o festexo desta data inclúe a inauguración de tres exposicións: unha, no Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, o mesmo día da celebración, día 9, seguida doutra no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, o 12 de xuño, sobre o deseño urbanístico e arquitectónico nesta provincia. Nesta mesma data, sumaráselle o de Ourense cunha mostra vencellada á programación do Ano Oteriano, que estará aberta ata o 9 de setembro.

Arquivo de Galicia

A mostra do Arquivo de Galicia leva por título Cousas do tempo. Documentos dun almanaque imaxinado. Nela vanse empregar os mapas do tempo transferidos pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático como fío condutor dun discurso expositivo distribuído en doce seccións, un para cada mes do ano, na que se exhibirán documentos procedentes de diferentes fondos custodiados que representarán as actividades propias de cada mes.

Ademais desta exposición, aberta ata o 19 de outubro, o Arquivo de Galicia organizará, durante a semana do 8 ao 12 de xuño, xornadas de portas abertas para que as persoas que o soliciten poidan visitar as súas instalacións. O horario destas visitas é de 9 a 14 horas.

Arquivo Histórico Provincial de Ourense

A segunda das mostras que se inaugurará ex profeso para conmemorar esta efeméride será no Arquivo Histórico Provincial de Ourense. A exposición encádrase ao abeiro dos actos de celebración do Ano Oteriano, declarado institucionalmente, e por unanimidade de todos os grupos, no Parlamento de Galicia este 2026, en que se cumpren 50 anos do seu pasamento e tamén o centenario da publicación da súa Guía de Galicia.

Na exposición percórrese a traxectoria vital do considerado Patriarca das Letras Galegas cunha selección dos abundantes testemuños documentais. Deste xeito, exhibiranse na mostra traballos e documentación dos fondos deste arquivo desde o 12 de xuño á súa clausura, o 9 de setembro.

Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra

O Arquivo Histórico de Pontevedra súmase a este festexo con outra exposición, que tamén será inaugurada o 12 de xuño, que ten por título Deseñar o espazo, na que se presentan diversos exemplos de deseño urbanístico da provincia do século XX, a través de documentos custodiados por esta institución. Precisamente, será tamén ese venres, cando se artelle unha conferencia, ás 19 horas, sobre esta mesma cuestión, impartida polo arquitecto Sergio Portela.

Completaranse as actividades cunha velada musical, ás 20,00 horas, a cargo da cantautora galega Sofía Espiñeira, considerada unha das voces máis singulares e auténticas da nova canción en galego.

Arquivo Histórico Provincial de Lugo

Pola súa banda, o Arquivo Histórico Provincial de Lugo tirará proveito desta efeméride para divulgar unha nova peza dos seus fondos. Deste xeito, presentará un tombo do mosteiro de Santa María de Penamaior, situado na localidade lucense de Becerreá.

Esta xornada divulgativa terá lugar o martes  9, ás 19 horas, cando unha arquiveira do centro explicará a relevancia deste tipo de libros manuscritos no que, neste caso, están transcritos os privilexios ou documentos pertencentes a este mosteiro e que foron doados ao arquivo por un particular. Amplíase a celebración do Día dos Arquivos cun concerto, o mesmo día, do quinteto de vento de metal, pertencente a Xove Orquestra de Lugo Terra Nova.

Arquivo do Reino de Galicia

Finalmente, no Arquivo do Reino de Galicia, na cidade da Coruña, vaise realizar o 9 de xuño unha xornada de portas abertas polas súas instalacións, que van permitir ter a oportunidade de facer un percorrido guiado polas dependencias, incluíndo o laboratorio de restauración e unha mostra de documentos.

Completarase a celebración do Día dos Arquivos cunha conferencia, o 11 de xuño, ás 19 horas, impartida por Mónica Rey Cabezudo, doutora en Historia da Arte. Para esta efeméride centrará o seu relatorio na moda, lecer e fotografía da Coruña entre os 1880 e 1920.

Comparte