Nova: Anxo M. Lorenzo celebra “o traballo colectivo e a implicación das xeracións máis novas” na homenaxe aos poetas chairegos de ‘No bico un cantar’

05/06/2026

Anxo M. Lorenzo celebra “o traballo colectivo e a implicación das xeracións máis novas” na homenaxe aos poetas chairegos de ‘No bico un cantar’

A iniciativa do Consello da Cultura Galega e da Xunta de Galicia homenaxea cada ano figuras da literatura galega co alumnado de conservatorios e outros centros

Trátase dun proxecto que pon voz aos versos de autores e autoras de todo o territorio e que xa ten musicado a Rosalía, Curros Enríquez ou Catelao, entre outros

Vilalba (Lugo), 5 de xuño de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, asisitiron hoxe á décima edición do certame musical No bico un cantar, organizado polo Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia, e que reuniu este ano en Vilalba a máis de 400 nenos e nenas de toda a Comunidade para homenaxear a través da música os poetas da Terra Chá.

Neste senso, o representante de Cultura do Goberno galego puxo en valor esta iniciativa “na que cada ano se implican centos de persoas dando mostra dun importante traballo colectivo a prol da nosa cultura que é especialmente relevante pola implicación das xeracións máis novas”. Ademais, destacou “a extraordinaria forma na que a rapazada nos achega aos e ás poetas galegas de todo o territorio poñéndolle música ás palabras”.

Anxo M. Lorenzo celebrou así “a oportunidade de lembrar as figuras que nos deu esta terra chairega a través desta xornada que, ademais, é un día de convivencia entre a mocidade para compartir esta paixón pola música”. Deste xeito, fixo referencia á participación dos nenos e nenas dos conservatorios profesionais galegos e dos centros de ensino musical de Vilalba e a súa contorna que, dirixidos por Maximino Zumalave e co acompañamento nos metais da agrupación Hércules Brass, puxeron voz aos versos de autores como Darío Xohán Cabana ou Manuel María, entre outros.

O repertorio incluíu, ademais, a estrea de Dicir do namorado, unha composición creada por Paulino Pereira sobre o poema de Xosé Crecente Vega, un dos poetas máis destacados da Terra Chá.

Cómpre lembrar que os concertos anteriores tiveron lugar en Santiago de Compostela, Celanova, Cambados, Cangas, Mondoñedo, Betanzos, Tui, Ribadavia e Rianxo para homenaxear a Rosalía de Castro, a Curros Enríquez, a Ramón Cabanillas, os trobadores medievais, os autores mindonienses, os alalás, os autores da Raia, a Xeración Nós e a Castelao.

Comparte