Nova: Belén do Campo destaca tras a aprobación da programación da OSG 2026/2027 o papel estratéxico do consorcio para a música da Coruña como referente en España
05/06/2026
Belén do Campo destaca tras a aprobación da programación da OSG 2026/2027 o papel estratéxico do consorcio para a música da Coruña como referente en España
Belén do Campo salientou o incremento do apoio económico da Xunta ao Consorcio para a promoción da Música ata os 3,6 millóns de euros nos orzamentos de 2026
A Coruña, 5 de xuño de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participaron hoxe na xunta de Goberno Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música da Coruña, na que se aprobaron, entre outros asuntos, a liquidación do orzamento correspondente ao exercicio 2025 e a nova programación da formación musical.
Posteriormente, a delegada da Xunta participo una presentación da programación artística da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) para a tempada 2026/2027, na que reiterou o compromiso da Xunta de Galicia coa Orquestra Sinfónica de Galicia e co Consorcio para a Promoción da Música, como pezas fundamentais da estratexia de impulso á cultura e á excelencia artística en Galicia. Neste sentido, lembrou que os orzamentos autonómicos de 2026 incrementan a achega da Xunta ata os 3,6 millóns de euros, o que supón un aumento do 20% respecto ao exercicio 2024.
Belén do Campo destacou que a OSG constitúe “un dos grandes emblemas culturais de Galicia e unha referencia musical de primeiro nivel no ámbito estatal e internacional”, ao tempo que puxo en valor o papel do Consorcio como instrumento esencial para garantir a estabilidade, a planificación e o desenvolvemento da súa actividade.
A delegada sinalou que a nova tempada baixo o título Raíces, combina a interpretación do gran repertorio sinfónico coa creación contemporánea, a programación educativa, os proxectos familiares e a proxección internacional, consolidando a posición da OSG como unha das formacións máis prestixiosas de Europa.
Neste contexto, destacou especialmente a presenza de compositores galegos na programación, con obras de autores a obra de autores como Andrés Gaos, Jesús Bal y Gay ou Rogelio Groba, entre outros e puxo en valor que se aposte “polos nosos creadores como Abraham Cupeiro, Fernando Mosquera ou Fernando Buide, entre outros, porque é apostar pola nosa identidade cultural e polo talento que Galicia achega ao panorama musical internacional” indicou.
A responsable autonómica subliñou tamén a especial relevancia desta programación no marco do Xacobeo 2027, xa que boa parte das propostas dialogan cos valores asociados ao Camiño de Santiago, como o encontro entre culturas, a transmisión da memoria, a convivencia e a viaxe como experiencia transformadora. Neste sentido, destacou iniciativas como a xira de catedrais e os diferentes proxectos que permitirán ampliar a presenza da orquestra por todo o territorio galego.
Belén do Campo puxo en valor o importante labor educativo e social que desenvolve a Sinfónica de Galicia a través dos concertos didácticos, os programas familiares, a Orquestra Xove, os coros infantil e xuvenil e outras iniciativas destinadas á formación de novos públicos. “A música é tamén unha ferramenta de educación, participación e cohesión social, e a OSG leva anos demostrando o seu compromiso con esta dimensión fundamental da cultura”, afirmou.
A programación 2026/2027 incluirá 36 concertos de abono, 3 producións operísticas en colaboración con Amigos da Ópera, concertos extraordinarios, proxectos participativos de gran formato, actividades didácticas, gravacións discográficas e xiras nacionais e internacionais, entre elas actuacións en Colombia, Valladolid, Bilbao e distintos puntos de Galicia.
A delegada destacou que esta intensa actividade converte ao Consorcio para a Promoción da Música nun dos principais motores culturais da comunidade, cun impacto que vai máis alá do ámbito artístico e que contribúe á dinamización económica, turística e educativa da cidade da Coruña e da súa área de influencia.
Por último, felicitou ao xerente do Consorcio da Música, Juan Antonio Cuéllar, as, ao equipo de dirección e xestión, aos músicos e a todos os profesionais que integran a institución “por seguir facendo da Orquestra Sinfónica de Galicia un motivo de orgullo para todos os galegos” e reiterou o compromiso da Xunta para continuar apoiando un proxecto que sitúa Galicia nun lugar destacado do panorama musical europeo.





