Nova: A Xunta e AGADEA promoven actividades inclusivas de cultura e natureza no Gaiás para as persoas con deterioro cognitivo
05/06/2026
A Xunta e AGADEA promoven actividades inclusivas de cultura e natureza no Gaiás para as persoas con deterioro cognitivo
A iniciativa encádrase no convenio que veñen de asinar a Fundación Cidade da Cultura e AGADEA para promover o acceso á cultura e actividades saudables
Un obradoiro de pintura con material de refugallo, andainas ao aire libre e a presentación da ‘Hortiña da memoria’ forman parte da programación polo Día do Medio Ambiente
Persoas socias e traballadoras da Asociación Galega para a Axuda das Persoas con Demencia Tipo Alzhéimer xestionarán de xeito colaborativo este espazo de cultivo no Gaiás
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia e a Asociación Galega para a Axuda das Persoas con Demencia Tipo Alzhéimer (AGADEA) presentaron esta mañá a Hortiña da memoria, iniciativa que forma parte da programación coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conmemora este ano no Gaiás o Día Mundial do Medio Ambiente. Este espazo de cultivo será xestionado por persoas con deterioro cognitivo, acompañadas das súas familias e coidadores, co obxectivo de mellorar o seu benestar participando de maneira activa na vida comunitaria.
A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, aproveitou a presentación da horta, na que estivo acompañada polo secretario da Xunta Directiva de AGADEA, Antonio Fernández para dar a coñecer a sinatura dun convenio de colaboración entre ambas institucións que contempla “toda unha serie de actuacións encamiñadas a favorecer o acceso á cultura e promover a saúde das persoas con alzhéimer e outras demencias”. Entre as que se porán en marcha este verán haberá encontros interxeracionais e creativos e andainas para conectar coa natureza na contorna do monte Gaiás.
Con estas actividades, “a Cidade da Cultura móstrase coma un espazo vivo onde a sostibilidade ambiental serve de ferramenta directa para a inclusión social e o benestar emocional”, subliñou Ana Isabel Vázquez. Ademais, este novo acordo vén ampliar a rede de alianzas que mantén o Gaiás con entidades sociais para desenvolver proxectos centrados na diversidade.
No marco do Día do Medio Ambiente, organizouse tamén esta mañá un obradoiro de refugallo no que participaron persoas usuarias de AGADEA e personal técnico da asociación xunto con alumnado do Colexio Divino Maestro de Santiago de Compostela. Durante a actividade, rapazada e maiores fabricaron ferramentas de pintar con material reciclado que empregaron para dar renda solta á súa creatividade nun lenzo en común.
Gaiás en verde: cultura e natureza
A programación conmemorativa esténdese no mes de xuño cunha serie de andainas nas que descubrir os espazos naturais do Gaiás desde tres perspectivas diferentes: un percorrido botánico e sensorial pola primavera co olfacto como guía (domingo día 7), un paseo para coñecer as historias do monte Gaiás e o seu valor paisaxístico e patrimonial (o 21 xuño), e unha andaina feiticeira na que recoller as tradicionais herbas de San Xoán na tarde do martes 23 de xuño.
Estes percorridos guiados, gratuítos e para todos os públicos, forman parte da liña de acción Gaiás en verde, coa que a Cidade da Cultura combina arte e creatividade para promover unha conciencia medioambiental sólida desde idades temperás.
AGADEA súmase a esta iniciativa coa organización dunha andaina accesible polo Bosque de Galicia, o sábado 13 de xuño, na que poderán participar tanto as persoas sociais como o publico xeral.
