Nova: A Xunta contará co sector cultural para elaborar o primeiro Plan director da historia do Centro Galego de Arte Contemporánea
03/06/2026
A Xunta contará co sector cultural para elaborar o primeiro Plan director da historia do Centro Galego de Arte Contemporánea
López Campos avanza que nos vindeiros días comezarán os traballos para deseñar esta “folla de ruta”, na que se definirán as estratexias futuras do CGAC
Convida a todos os axentes culturais e artísticos a participar activamente coas súas achegas e suxestións
Salienta que este proxecto, liderado pola nova dirección, abre unha etapa para convertelo no centro artístico do eixe atlántico, potenciando a súa internacionalización e maior espazo e proxección da creación galega
Destaca que as actuacións centraranse en que manteña o primeiro nivel no que se sitúa, tras ser erixido en 2025 comomellor iniciativa cultural da Comunidade
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe que “nos vindeiros días” comezarán os traballos para “a elaboración do primeiro Plan Director da historia do Centro Galego de Arte Contemporánea”. Así o deu a coñecer, en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento, na que avanzou que “esta folla de ruta vai definir as novas estratexias para este ente público en permanente diálogo e contacto co sector”.
Ao respecto, o titular de Cultura da Xunta salientou que coa redacción deste Plan Director, que abranguerá o período 2026-2030, o Goberno Galego “dá resposta a unha demanda do sector”. Nesta liña, convidou a todos os axentes culturais e artísticos a participar no seu deseño coas súas achegas e suxestións “co obxecto de que este novo ciclo do Centro Galego de Arte Contemporánea se caracterice por darlle máis presenza e voz aos artistas, comisarios e xestores culturais”.
Primeira muller galega na dirección
Precisamente, enmarcou esta “actuación inminente” dentro das “medidas prioritarias” da nova dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea, baixo o liderado de Eva López Tarrío, da que salientou que é “a primeira muller galega” en ocupar este posto e da que puxo en valor “a súa formación, capacidade e experiencia no ámbito da produción e xestión”. “Polo que agora cómpre deixala traballar para que amose con feitos a valía do seu proxecto”, aseverou.
Neste senso, subliñou que o obxectivo de López Tarrío é que Galicia siga contando cun equipamento cultural “de primeiro nivel” e continuar coa “exitosa traxectoria” do centro que, ao longo do seus 30 anos de historia, “se consolidou como un espazo artístico de calidade”. “Un propósito que compartimos desde a consellería, o Goberno galego e, non me cabe dúbida, que tamén desde o sector”, engadiu.
Centro artístico de referencia do eixe atlántico
Para esta fin, López Campos gabou o perfil e proxecto da nova directora, “que busca erixir o CGAC no centro artístico de referencia do eixe atlántico” e para o que vai pór en marcha unha liña programática na procura dunha “maior internacionalización; ampliación e reforzo das alianzas con entidades culturais de referencia e darlle máis espazo e proxección ás creacións das e dos artistas galegos”.
O conselleiro incidiu en que a nova etapa tamén se centrará no pulo á descentralización do CGAC dentro e fóra de Galicia, tras ser recoñecido en 2025 como Insignia da cultura galega polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, segundo os resultados do prestixioso informe elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España.
