Nova: O ciclo musical Salas ao vivo! leva 22 concertos a nove espazos galego con apoio da Xunta

02/06/2026

O ciclo musical Salas ao vivo! leva 22 concertos a nove espazos galego con apoio da Xunta

O programa de Artyc Content desenvolverase ata febreiro de 2027 con artistas como Caamaño&Ameixeiras, Bala, De Ninghures, Pava, Anxo Araújo, High Paw, Grande Amore ou Su Garrido Pombo

O proxecto forma parte da convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para programación musical en salas privadas, dotada con 358.586 euros e destinada a impulsar 141 actuacións en 16 espazos de toda Galicia

Pontedeume (A Coruña), 2 de xuño de 2026

A Xunta de Galicia apoia con 50.000 euros o ciclo Salas ao Vivo!, a proposta de Artyc Content para impulsar unha acción coordinada e sostida de exhibición musical ao longo do territorio galego. O proxecto, baseado na colaboración entre promotoras profesionais, salas privadas e artistas, levará 22 concertos de formacións musicais do país a nove espazos das catro provincias entre abril de 2026 e febreiro de 2027, co obxectivo de reforzar a música en directo como eixo cultural, social e económico.

O conxunto da proposta foi presentada hoxe na sala Guión Clube de Pontedeume coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; de Rubén Coca, por parte de Artyc Content, e de Sabela Regueira e Alejandro López, socios da sala anfitrioa que forma parte desta actividade e na que o vindeiro 20 de xuño terá lugar o concerto do grupo Ulex.

Música en directo de proximidade

Este programa forma parte da convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para programación musical en salas privadas no bienio 2026-2027, a través da que o Goberno galego distribúe 358.586 euros entre nove proxectos profesionais. A liña permitirá impulsar 141 concertos en 16 espazos, co obxectivo de reforzar a actividade estable destes recintos, favorecer a circulación de artistas e consolidar unha oferta musical continuada ao longo do territorio.

O director das Industrias Culturais Jacobo Sutil destacou que esta convocatoria “contribúe a fortalecer unha parte esencial do ecosistema musical galego, formada polas salas, promotoras e artistas que sosteñen a actividade ao vivo máis alá dos grandes eventos”. Neste sentido, sinalou que o proxecto de Artyc Content “é un exemplo de programación deseñada desde a experiencia profesional, con vocación territorial, presenza maioritaria de creación galega e unha clara aposta pola diversidade artística en liña cos obxectivos da lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”.

A programación conta con 18 formacións musicais, das que 15 son galegas, o que reflicte un impulso á creación musical da comunidade e á consolidación dun tecido profesional estable no ámbito da música ao vivo. A carteleira, que xa se vén desenvolvento desde o pasado mes de abril, inclúe en vindeiras datas as actuacións de Pablo Leira, Caamaño & Ameixeiras, Calequi y Las Panteras, High Paw, Saibran, Anxo Araújo, Grande Amore, Pava, Bala, Toundra, De Ninghures, Abril, Zeltia Irevire, e Su Garrido Pombo, nun calendario de concertos que se prolongará ata finais de febreiro do ano que vén. No caso da Guión Clube, están previstas dúas citas dentro deste ciclo: Ulex, o 20 de xuño, e Bala, o 24 de outubro.

Ademais deste espazo en Pontedeume, a proposta de Artyc Content desenvólvese na sala Urania, en Ferrol; La Conservera, en Viveiro; Clavicémbalo, en Lugo; Krazzy Kray, en Cambados; Sala Riquela, en Santiago de Compostela; A Pousada da Galiza Imaxinaria, en Boiro; Rebullón, en Mos; e A Arca da Noe, en Vilar de Santos.

A liña artística combina música de raíz contemporánea, pop alternativo, rock, electrónica, canción de autor e propostas de proxección internacional, nunha programación pensada para conectar con públicos diversos e reforzar o papel das salas privadas como espazos de creación e dinamización cultural.

Comparte