Nova: A Xunta adxudica 36 bolsas de formación en arquivos e museos
02/06/2026
A Xunta adxudica 36 bolsas de formación en arquivos e museos
- As listaxes das persoas seleccionadas para o período 2026-2027 poden consultarse no Diario Oficial de Galicia
— O Goberno galego contribúe así a mellorar a profesionalización das redes destes centros e a inserción laboral de persoas recentemente tituladas
- As persoas bolseiras recibirán unha contía mensual de 1.055 euros ao mes
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2026.- A Xunta de Galicia acaba de adxudicar as 36 prazas ofertadas para a formación en arquivos e museos. Así se deu a coñecer no Diario Oficial de Galicia, onde se publicou a listaxe de persoas selecionadas para participar nestas bolsas durante o período 2026-2027. Deste xeito, as persoas bolseiras contarán cunha estadía de doce meses co fin de favorecer a formación especializada do futuro persoal técnico dos centros, así como posibilitar a súa aprendizaxe desde unha perspectiva máis práctica.
O Goberno galego, que destina preto de 500.000 euros a esta convocatoria, contribúe así a mellorar a profesionalización das redes destes centros e a inserción laboral de persoas recentemente tituladas. Neste senso, trátase dunha medida cuxa acollida medrou desde a súa posta en marcha nun 59%, acadando un total de 1.513 persoas presentadas desde 2020.
No tocante aos arquivos, a formación dos 18 bolseiros comprenderá unha parte práctica e outra teórica e estará relacionada cos procesos técnicos que se realizan nestes centros e coa xestión dos seus fondos documentais. Respecto aos espazos museísticos, a convocatoria inclúe 18 prazas e, neste caso, as actividades que desenvolverá o persoal bolseiro inclúen aspectos de documentación, difusión e didáctica. Deste xeito, os participantes poderán coñecer os labores de conservación, rexistro, inventario, catalogación, organización de visitas guiadas, búsqueda de información ou manipulación de pezas, entre outras.
En ambos os casos, as persoas bolseiras, tituladas en biblioteconomía, documentación, historia da arte, lingua e Literatura, difusión cultural ou humanidades, comezarán a súa experiencia ao longo do segundo semestre do ano 2026 e recibirán unha contía de 1.055 euros.
