Nova: A Xunta impulsa os formatos dixitais no marco das súas estratexias de fomento da lectura
01/06/2026
A Xunta impulsa os formatos dixitais no marco das súas estratexias de fomento da lectura
- O consello analiza un informe no que se destaca a actividade da plataforma de préstamo ‘GaliciaLe’ que aumentou os usuarios nun 98,4% entre 2024 e 2025
- A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén facilitou coas súas liñas de axuda a edición de 33 audiolibros de títulos galegos actuais e 14 clásicos
- Ademais, traballa para que a Libraría Institucional do Executivo autonómico ofreza máis publicacións en liña
- O Goberno galego dá resposta así a uns hábitos lectores en expansión, xa que na Comunidade o 88,4% dos maiores de 14 anos len en medios electrónicos
Ler en formato dixital é unha práctica en plena expansión que centra tamén as estratexias que se levan a cabo desde a Xunta de Galicia para fomentar a lectura, adoptando medidas para acompañar esta tendencia. Neste marco, hoxe analizouse no Consello un informe que recolle as liñas de actuación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para adaptarse a estes novos hábitos, como é o impulso da plataforma GaliciaLe ou o aopio á edición de audiolibros.
O Goberno galego responde así a uns índices que indican que en Galicia o 88,4% dos lectores de máis de 14 anos len en dixital, un 0,1 % superior á media de España, e que un 27,9 % da poboación le libros neste formato. Así mesmo, as estatísticas reflicten que os lectores galegos que len só en dixital consumiron 8,3 libros no 2025.
Neste senso, e co obxectivo de seguir favorecendo a lectura a través dos medios tecnolóxicos, cómpre destacar os avances do Executivo autonómico desde a posta en marcha da plataforma de préstamo dixital das bibliotecas públicas galegas, GaliciaLe, en 2014. Actualmente, este sistema, que facilita o acceso á cultura a toda a cidadanía, conta con 15.721 títulos no formato de libro electrónico, 2.800 deles en galego; 1.184 audiolibros; 557 películas e 51 revistas.
Ademais, entre 2022 e 2025 o número de préstamos a través desta aplicación medrou un 96,4% (dos 138.658 aos 272.340) e o de usuarios activos un 98,4% (dos 13.650 aos 27.085). A este crecemento hai que sumarlle a creación de GaliciaLe+, un paso cara á internacionalización que permite levar a lectura en galego a persoas residentes fóra do territorio, con 319 persoas usuarias noutras Comunidades e 180 repartidas en 40 países, sobre todo en Arxentina e Brasil.
Desde a Consellería de Cultura trabállase para que a plataforma continúe a medrar de maneira que estenda a lectura aos sectores sociais que non son usuarios habituais dos servizos presenciais das bibliotecas; funcione como escaparate da produción audiovisual galega e en galego; dinamice o comercio do libro electrónico en Galicia e aumente a diversidade de contidos e soportes nas coleccións das bibliotecas públicas.
A esta aposta hai que sumarlla a entrada en funcionamento no 2024 da aplicación móbil da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, que dá acceso ao catálogo de GaliciaLe, unha das súas principais utilidades, ademais dar acceso a calquera servizo dispoñible tamén coa tarxeta física.
Apoio ao audiolibro en galego
Outra das grandes tendencias no sector do libro e da lectura na que tamén pon o foco a Xunta a través das dúas políticas neste ámbito é o audiolibro. Así, os oíntes en Galicia representan o 8,4 % da poboación, de maneira que o 5,9 % le neste formato cunha frecuencia semanal e a media dos que len así en galego é do 20,6%.
Ante esta situación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén apostando desde hai tempo por incrementar a presenza de audiolibros en galego no mercado activando liñas de axuda para promover proxectos de produción neste eido. Trátase dunha iniciativa que inclúe a conversión de obras da literatura galega clásicas e actuais ao formato audiolibro e a creación de versións neste sistema dos títulos do Premio Nortear en galego e portugués. Todo isto co obxectivo de que ao dispor do público a través das principais plataformas de venda de libros dixitais e tamén en GaliciaLe.
Como resultado destas liñas producíronse no bienio 2024-2025 un total de 33 audiolibros en galego cun investimento de 135.000€. Ademais, destacan os 14 títulos electrónicos que foron posibles a través da contratación directa de obras clásicas da literatura galega e os sete xurdidos dos Premios Nortear na edición do ano pasado.
Por outro lado, a Libraría Institucional da Xunta supón un recurso importante para potenciar o uso das publicacións en liña no que nos últimos anos se está a traballar, de maneira que entre 2024 e 2025 se incrementaron as descargas nun 52,6 %. Deste xeito, preténdese continuar nunha senda que lle dea un peso importante a este tipo de publicacións que historicamente se produciron en papel.
Cómpre destacar ao respecto que o reto do Executivo autonómico é que o 100% das publicacións que non están destinadas á venda poidan estar dispoñibles para a cidadanía en formato electrónico para facilitar o acceso ao coñecemento. As áreas que lideran a edición institucional son as de Sanidade e a de Cultura. No primeiro caso trátase de escritos de carácter non venal con gran valor informativo para a sociedade que se editan nun 61% exclusivamente en liña. No caso das publicacións de Cultura edítanse en formato electrónico arredor do 32%.
