Nova: A Xunta inicia a tramitación do anteproxecto do decreto dos Itinerarios Culturais de Interese Autonómico para regular a súa creación e protección

01/06/2026

A Xunta inicia a tramitación do anteproxecto do decreto dos Itinerarios Culturais de Interese Autonómico para regular a súa creación e protección

O Goberno galego informa no Consello deste procedemento que ten por obxecto contar este ano coa normativa que fixe os criterios para outorgar esta categoría

Este recoñecemento implicará apoios das Administracións públicas de cara á súa preservación e divulgación

O propósito é recoñecer as rutas que, a través da súa historia, tradición e patrimonio, teñen unha especial relevancia na difusión da nosa cultura e identidade

Prevese a creación dunha rede, xestionada polo Executivo autonómico, que posibilitará a difusión conxunta destas novas figuras

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dá resposta ás demandas de concellos, asociacións e entidades esforzadas en dar a coñecer estes espazos singulares

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2026.- O Goberno galego está xa a traballar na tramitación do anteproxecto de decreto regulador dos itinerarios culturais de interese autonómico, co obxecto de contar neste ano coa normativa que estableza os criterios que rexan a  súa creación, ao tempo que determine as súas medidas de protección, divulgación e apoio. Isto vai permitir que estas novas figuras sexan obxecto de especial atención por parte das administracións públicas á hora de planificar programacións culturais, convocar axudas e deseñar medidas de posta en valor.

Así se informou hoxe no Consello da Xunta, no que se deu conta dos pasos que está a dar a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de cara a regular estes itinerarios que dispoñen dos requisitos para acadar apoio das administracións, pola súa especial relevancia para a difusión da nosa cultura e identidade en todo o territorio.

Cómpre aclarar que se trata de rutas que, a través da historia, tradición e patrimonio, promoven e divulgan a cultura, o desenvolvemento sustentable e a cohesión en diferentes puntos do territorio, especialmente en aqueles que se atopan en risco de exclusión cultural polas súas condicións xeográficas e sociais.

Primeiros trámites: consulta previa e criterios de creación

Neste primeiros pasos da tramitación do anteproxecto de decreto, o departamento de Cultura do Goberno galego xa levou a cabo, entre o 7 e o 22 de abril, unha consulta pública previa no Portal de Transparencia da Xunta, que permitiu a incorporación de achegas. En todo caso, o texto volverá someterse a unha nova apertura para facilitar suxestións. Ao mesmo tempo, estanse a solicitar os distintos informes sectoriais preceptivos necesarios neste tipo de procedementos lexislativos.

De igual xeito para o avance da creación destas novas figuras, o documento lexislativo está a fixar a definición do itinerarios culturais de interese autonómico. Así, establece que están concibidos como instrumentos de promoción cultural e, como tales, poden responder tanto a unha configuración territorial como a unha definición temática ou conceptual. Consecuentemente, non é necesaria a continuidade física entre os elementos e bens culturais que os integren.

En canto á proposta para que unha ruta sexa recoñecida con esta categoría, o anteproxecto recolle a posibilidade de que a petición proveña a través dunha ou varias entidades, tanto locais como xurídicas de carácter privado. En todo caso, para candidatala a este recoñecemento deberase xustificar a relevancia cultural, natural, histórica e etnográfica do itinerario proposto. Ademais, teranse que identificar os concellos que forman parte do mesmo e incluír a relación e descrición dos bens, prácticas ou manifestacións naturais e culturais, materiais e inmateriais vencelladas á ruta.

Vantaxes da declaración  e rede de itinerarios

A declaración de itinerario cultural de interese autonómico levará consigo o recoñecemento do seu interese cultural, a promoción do seu uso público e a preferencia no acceso ás liñas de fomento que poida establecer a Administración autonómica destinadas á súa consolidación, mantemento e dinamización, a través de actividades culturais e artísticas vencelladas a estas rutas.

Na súa regulación, o anteproxecto de decreto tamén recolle medidas específicas de divulgación e apoio entre a que se atopa a creación dunha rede de itinerarios culturais de interese autonómico, a través da cal se garantirá a difusión dos recoñecidos con este nova figura.

A incorporación á rede, de carácter público xestionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, facilitará información sobre as entidades promotoras, os concellos polos que discorre cada itinerario, as manifestacións culturais e naturais conectadas polo percorrido, a súa significación cultural e as actividades que se desenvolven.

Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia

A creación desta nova figura dá resposta ás demandas destas asociacións e entidades vencelladas con estas rutas, ao igual que a dos concellos por onde transcorren vías afectadas por este novo recoñecemento. Destacar, ao respecto, que antes do inicio da tramitación do anteproxecto, todos eles tiveron información de primeira man sobre a creación desta categoría a través de reunións co equipo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

A posta en marcha dos itinerarios culturais é posible tras a modificación da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia feita a través da Lei de acompañamento aos Orzamentos 2026. Trátase duns cambios cos que o Executivo autonómico deu sustento legal á posta en marcha desta nova categoría que agora se desenvolverá a través do futuro decreto.

Comparte