Nova: A Xunta fomenta a formación en bibliotecas coa adxudicación de 33 bolsas neste eido
31/05/2026
A Xunta fomenta a formación en bibliotecas coa adxudicación de 33 bolsas neste eido
- As listaxes das persoas beneficiarias poden consultarse no Diario Oficial de Galicia
- O obxectivo desta iniciativa é impulsar a formación especializada do futuro persoal técnico destes centros e posibilitar unha aprendizaxe máis práctica
- Os bolseiros incorporaranse o 16 de xuño ao seu centro de destino
A Xunta de Galicia vén de adxudicar as 33 prazas ofertadas para a formación en bibliotecas. Así se deu a coñecer no Diario Oficial de Galicia, onde se publicou a listaxe de persoas beneficiarias destas bolsas para o período 2026-2027.
O Goberno galego, que destina máis de 460.000 euros a esta convocatoria, busca así impulsar a formación especializada do futuro persoal técnico das bibliotecas, así como posibilitar a súa aprendizaxe desde unha perspectiva máis práctica. Ademais, contribúese a mellorar a profesionalización das redes destes centros e a inserción laboral de persoas recentemente tituladas. Neste senso, trátase dunha medida cuxa acollida medrou desde a súa posta en marcha nun 34%, acadando un total de 1.088 persoas presentadas desde 2020.
Mediante esta liña de axudas, o persoal bolseiro poderá afondar nas técnicas de uso e tratamento dos fondos bibliográficos, na atención aos usuarios e na planificación, xestión e execución dos distintos servizos bibliotecário, acompañados por titores. Así, as prácticas, cun prazo máximo de 13 meses, desenvolveranse na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura; na Ánxel Casal de Santiago de Compostela, na Miguel González Garcés da Coruña, na de Lugo, na Nós de Ourense, na Antonio Odriozola de Pontevedra, na Juan Compañel de Vigo ou na Biblioteca Pública Central de Ferrol.
Neste senso, as persoas beneficiarias, tituladas en Biblioteconomía, Documentación, Historia da Arte, Lingua e Literatura, Difusión Cultural ou Humanidades, incorporaranse ao seu centro de destino o 16 de xuño. Permanecerán nos centros por un período de 14 meses e recibirán unha cuantía mensual de 1.010€.
