Nova: A Xunta convoca a IX Premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre arte contemporánea

29/05/2026

A Xunta convoca a IX Premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre arte contemporánea

  • O galardón busca promover a produción de pensamento sobre esta materia en lingua galega e favorecer a comunicación social das artes plásticas
  • A distinción da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conta cunha dotación de 3.000€ e ten distinguido traballos de Rosendo Cid, Laura Calvo ou Sergio Meijide
  • O prazo de presentación remata o 18 de setembro e o fallo do xurado darase a coñecer antes de que finalice o ano

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2026.- A Xunta de Galicia acaba de convocar a novena edición do Premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre a arte, cuxo obxectivo é promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións, así como favorecer a comunicación social das artes plásticas.

Tal e como recollen as bases da presente edición, publicadas no Diario Oficial de Galicia, poderá optar a este premio, dotado con 3.000 euros, calquera persoa física, maior de idade, que presente textos inéditos escritos en galego segundo a normativa vixente e que estean relacionados con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea. Así pois, os traballos serán de temática libre, sempre que versen sobre esta materia e terán un carácter divulgativo.

O prazo de presentación de solicitudes deste galardón da Consellería de Cultura, lingua e Xuventude finalizará o próximo 18 de setembro e o fallo do xurado darase a coñecer, en todo o caso, antes do 31 de decembro de 2026. En canto á extensión dos orixinais, que non poderán conter ilustracións, abranguerá entre 150.000 e 450.000 caracteres, incluídos espazos e non poderán concorrer ao premio traballos que xa foran presentados nalgunha das edicións anteriores.

De igual xeito, apuntar que o traballo gañador resultará elixido por un xurado, formado por persoas de recoñecido prestixio do medio artístico-literario. Este tribunal será o encargado de avaliar os orixinais baseándose en criterios, entre os que se atopan a orixinalidade do enfoque, a singularidade da metodoloxía empregada na investigación e a calidade literaria dos ensaios presentados a concurso ou polas relacións con outras disciplinas artísticas ou científicas.

Orixinais premiados nas edicións anteriores

A través da convocatoria deste premio, o Goberno galego busca promover o coñecemento e favorecer o acceso público á arte contemporánea, así como impulsar a comunicación social nesta área. Con este obxectivo, todos os traballos galardoados están sendo publicados para a súa difusión.

Deste xeito, desde que en 2019 se inaugurara a colección CGAC_Ensaio co texto A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, do ourensán Rosendo Cid, saíron do prelo outros catro títulos máis: Tigres en magnolias: a maxia como transformación na arte contemporánea, de María Marco; Memoria do azul: afección monocroma do contemporáneo, de Laura Calvo; O menor: procesos a-significantes na arte contemporánea, de Matías Rodríguez-Mouriño, e A caverna baleira: catálogo de arte inmaterial, imposible e inexistente, obra do investigador e poeta Jorge Fernández Gonzalo.

Ademais, no sexto e sétimo libro da serie tamén se publicaron A escola da noite, de Aitor Hernández Marcos, galardoado na convocatoria de 2023, e o ensaio premiado en 2024, Parlamentos de xeo (e outras friccións teóricas de arte do século XXI), asinado polo doutor en historia da arte Sergio Meijide Casas. A maiores, proximamente verá a luz Procesando interrogantes. Notas ao redor da relación entre arte e tecnoloxía, da gañadora da edición de 2025, Raquel Alonso Docampo.

Comparte