Nova: A Xunta ultima un acordo con Colombia para exhibir no Xacobeo 2027 unha das coleccións de ouro máis relevantes do mundo

27/05/2026

A Xunta ultima un acordo con Colombia para exhibir no Xacobeo 2027 unha das coleccións de ouro máis relevantes do mundo

O Goberno galego prevé que Santiago de Compostela acolla no verán do próximo ano ‘O ouro e o universo’, unha exposición que permitirá gozar dunha extraordinaria escolma dos fondos do Museo del Oro del Banco de la República (Colombia)

O Museo Gaiás, xunto co Marq de Alacant e o Mamuz de Austria, suman esforzos para que esta mostra cruce o Atlántico e chegue a Europa

O comisariado conta co profesor de Ciencias da Arqueoloxía da Universidade de Cambridge, o galego Marcos Martinón-Torres, xunto a un equipo formado por Marcela García, Luis Cayón e M. Alicia Uribe

Madrid, 27 de maio de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta mañá na Casa de América en Madrid na presentación dun proxecto internacional para que Santiago de Compostela sexa no Xacobeo 2027 unha das tres únicas sedes en Europa de O ouro e o universo. Saberes indíxenas de Colombia, exposición que traerá por vez primeira á nosa Comunidade 291 pezas dunha das coleccións de ouro máis relevantes do mundo: a do Museo del Oro del Banco de la República (Colombia).

Na viaxe desta mostra a Europa están a traballar conxuntamente tres institucións: o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, o Museo Arqueolóxico de Alacant (Marq) e o Mamuz de Austria —centro de referencia de historia antiga neste país—. Neste senso, a Xunta de Galicia anuncia que se está a ultimar o acordo co Museo del Oro del Banco de la República para que esta colección cruce o Atlántico.

O acto desta mañá contou tamén coa participación da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; do embaixador de Colombia en España, Eduardo Ávila; e do presidente da Deputación de Alacant, Toni Pérez.

Universidade de Cambridge

Á presentación asistiu tamén o comisario, o galego Marcos Martinón-Torres, catedrático de Ciencias da Arqueoloxía da Universidade de Cambridge e responsable de exposicións tan relevantes como Los Guerreros de Xi’an. A co-comisaria Marcela García, antropóloga e museóloga do Museo del Oro del Banco de la República, participou a través dunha videomensaxe, ao igual que o fixo o director deste museo, Alberto Escovar Wilson-White, e o director do Mamuz, Christoph Mayer.

O obxectivo da  Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é que O ouro e o universo chegue a Galicia no verán de 2027, converténdose nunha das principais propostas do Xacobeo. A mostra terá como primeira sede en España Alacant, onde será inaugurada a finais deste xuño e, despois do seu paso por Santiago de Compostela, terminará o periplo europeo no Mamuz (Austria).

Máis alá de ‘El Dorado’

Orixe de mitos como a lenda de El Dorado, esta colección de ouro —con pezas de ata 3.500 anos de antigüidade— procede da época pre-colombina e recibe cada ano 700.000 visitas en Bogotá. As xoias, tesouros e obxectos históricos que preserva teñen sido exhibidos en 218 exposicións en museos dos catro continentes e moitos deles será a primeira vez que se poidan contemplar no noso país. Nesta ocasión, esta mostra representará o préstamo de maior dimensión realizado polo Museo del Oro a España.

O ouro e o universo enmárcase nunha liña de acción impulsada pola Xunta de Galicia para achegar á Comunidade grandes exposicións internacionais, como Faraón. Rei de Exipto, Tesouro Reais, obras mestras do Terra Sancta Museum, Tattoo. Arte baixo a pel ou Unha vida viquinga, propostas na que Galicia colaborou con algúns dos museos máis prestixiosos do mundo.

Así, este 4 de xuño, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén inaugurará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a exposición Voces do Pacífico, primeiro acordo directo do Goberno de Galicia co British Museum, que permitirá achegarnos ás sociedades indíxenas e culturas milenarias do océano máis grande do planeta.

Comparte