Nova: A Xunta abre o plazo para que as industrias culturais galegas soliciten axudas para levar os seus espectáculos ao exterior
26/05/2026
A Xunta abre o plazo para que as industrias culturais galegas soliciten axudas para levar os seus espectáculos ao exterior
- A convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude está dotada con 500.000 euros para este ano
- A achega buscar contribuír á internacionalización e comercialización da música e das artes escénicas galegas desde escenarios, festivais e mercados sectoriais fóra de Galicia
- Concederanse por orde de solicitude ata o 26 de agosto ou ata a data de esgotamento do crédito
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026.- A Xunta abre hoxe o prazo de solicitude da convocatoria de axudas dirixidas ás actividades de distribución das industrias culturais galegas, para a que destina este ano 500.000 euros co obxectivo de continuar a favorecer a presenza dos espectáculos galegos de escena e de música en escenarios, circuítos e festivais fóra da nosa Comunidade.
Segundo as bases publicadas o pasado 15 de maio no Diario Oficial de Galicia, estas subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tramítanse en réxime de concorrencia non competitiva entre as propostas que cumpran os requisitos, polo que se concederán por orde de entrada a través da sede electrónica da Xunta ata as 14,00 h. do vindeiro 26 de agosto, ou antes desa data en caso de que sexa esgotado o crédito.
A contía convocada repártese a partes iguais entre os dous ámbitos artísticos aos que se dirixen estas axudas, no marco das que se apoiarán accións desenvolvidas entre o 1 de novembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026, tanto por profesionais autónomos como por empresas dedicadas á produción e distribución de espectáculos. A axuda máxima por solicitante é de 15.000 euros, que poderán ser distribuídos entre máis dunha modalidade.
Financiaranse así parte dos custos das xiras de espectáculos galegos por escenarios e festivais fóra de Galicia, ademais da asistencia a feiras e mercados do sector que se celebren no resto de España ou no estranxeiro. No caso da categoría de artes escénicas, apóiase tamén a distribución en territorio galego, exceptuando as funcións programados na Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto promovido polo Goberno galego en colaboración con 42 entidades locais das catro provincias.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca anualmente estas subvencións co fin de impulsar a distribución e a comercialización exterior dos nosos produtos culturais, ao tempo que se lle facilita o acceso dos sectores da música e as artes escénicas galegas ao mercado internacional.
Mediante esta canle de apoio, o pasado acadaron subvención 93 proxectos, que sumaron máis de 500 actuacións artísticas e accións de promoción, tanto no estranxeiro, coa visita a 22 países, como noutras 15 comunidades autónomas.
