Nova: A Xunta consolida o seu apoio ao teatro afeccionado con 55.000 € para representar 84 funcións e celebrar o Festival Agustín Magán e un certame de microteatro

26/05/2026

A Xunta consolida o seu apoio ao teatro afeccionado con 55.000 € para representar 84 funcións e celebrar o Festival Agustín Magán e un certame de microteatro

López Campos destaca o valor desta programación para a dinamización cultural por todo o territorio galego, na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible

Salienta que se mantén o reforzo realizado nos últimos anos por parte do Goberno galego “para darlle pulo a esta dramaturxia que move máis de 6.000 espectadores”

Pontevedra, 26 de maio de 2026

O Goberno galego destinará este ano 55.000 euros á Federación Galega de Teatro Afeccionado para apoiala no desenvolvemento da súa actividade ao longo deste 2026, que inclúe 84 funcións por toda Galicia, a organización do Festival Agustín Magán e a celebración dun certame de microteatro co gallo dos 26 anos da existencia desta entidade. Así se recolle no convenio asinado hoxe polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a presidenta desta entidade, Chelo Pampillón.

Tal e como salientou o responsable autonómico de Cultura, este acordo “supón consolidar o investimento que vimos facendo nos últimos anos, nos que fixemos un reforzo importante en liña do compromiso da Xunta para darlle pulo e visibilidade a esta dramaturxia que move a máis de 6.000 espectadores”. Así, fixo fincapé en que, con este acordo, “evidénciase o notable incremento rexistrado ao longo destes anos, xa que se pasou de 30.000€, no 2021, aos 55.000€ do convenio actual”.

Deste xeito,  López Campos considerou que con este financiamento a programación da entidade “queda apuntalada para que poida desenvolver a súa actividade escénica, tendo en conta que constitúe a maior estrutura teatral organizada en Galicia, o que denota o interese dos grupos galegos en traballar nunha mesma dirección”, valorou.

Ao respecto, o conselleiro enxalzou o papel do teatro afeccionado na dinamización e accesibilidade cultural, “na liña da pioneira Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”, á vez que fixo fincapé no “importante fluxo económico” que supón, “xa que mobiliza a 800 persoas que actúan por toda a xeografía galega”.

Tres citas en 2026 ao redor do teatro amor

Cómpre lembrar que a Federación Galega de Teatro Afeccionado inclúe, na actualidade, 60  agrupacións representativas das catro provincias, e amosan o seu potencial e talento creativo a través do seu Circuíto galego de Teatro Amador, que no pasado ano supuxo unha forma efectiva de levar adiante preto de 170 actuacións e de achegar teatro a todas as aquelas vilas galegas que non poden contar cunha programación teatral.

O Circuíto Galego de Teatro Amador ten carácter autonómico, mentres que o Festival de Teatro Amador Agustín Magán celébrase en diversos espazos de Santiago de Compostela, entre eles o Salón Teatro, sede do Centro do Dramático Galego,  como un xeito de dar a coñecer as últimas propostas escénicas de grupos federados das catro provincias galegas.

Ademais, este convenio terá como novidade que posibilitará que a Federación Galega de Teatro Afeccionado, Premio da Cultura Galega en 2020, festexe este ano o seu 26 aniversario cunha xornada ao redor do microteatro. Celebrarase en xullo, na Cidade da Cultura, e durante ese día representaranse oito actuacións co obxecto de pór de manifesto a presenza e potencia do teatro amador galego, e no que contará de novo co apoio da Xunta.

Comparte