Nova: A Xunta equipará o futuro Centro Galego de Artes Dixitais con 1,5 millóns procedentes de fondos da UE

25/05/2026

A Xunta equipará o futuro Centro Galego de Artes Dixitais con 1,5 millóns procedentes de fondos da UE

  • O Consello da Xunta dá o seu o visto e prace ao proxecto para adquirir, vía licitacións públicas, a tecnoloxía que permitirá pór en marcha este equipamento
  • A nova infraestrutura, situada na Cidade da Cultura, abrirá as súa portas no segundo semestre do Xacobeo 2027
  • O apoio comunitario permitirá dotar o centro dun equipamento de vangarda que situará Galicia nunha posición de liderado en España no eido da creación dixital

O Consello da Xunta vén de dar o seu visto e prace ao proxecto para equipar con financiamento procedente da Unión Europea o Centro Galego de Artes Dixitais, que se está a construír na Cidade da Cultura de Galicia e que abrirá as súas portas no segundo semestre do Xacobeo 2027.

Grazas á colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Fundación Cidade da Cultura, o Goberno galego destinou 1,5 millóns de euros procedentes dos fondos FEDER para a adquisición —a través de procesos de contratación pública— da tecnoloxía que se precisa para pór en marcha este novo equipamento. Deste xeito, o financiamento comunitario cobre o 60% do proxecto, de xeito que o investimento total alcanza os 2,5 millóns de euros distribuídos entre 2026 e 2027 coa aportación dun millón de euros por parte do Goberno galego.

O Centro Galego de Artes Dixitais representa a primeira e única infraestrutura desta natureza coa que contará Galicia, e situará a nosa Comunidade nunha posición de liderado no eido da creación dixital en España.

Para a materialización deste equipamento non foi necesaria a construción dun edificio novo xa que a Xunta de Galicia adaptou un espazo xa existente e en desuso na Cidade da Cultura, os aparcadoiros subterráneos do que inicialmente ía ser o Teatro da Música —un dos edificios non rematados do proxecto orixinal do Gaiás—.

Actualmente xa se remataron os traballos de adecuación do espazo e estanse a levar a cabo actuacións para finalizar a cuberta exterior, asegurando unha integración coa arquitectura singular do complexo. A seguinte fase será a adquisición da tecnoloxía, mediante procedementos de contratación pública.

O Centro contará con tecnoloxía punta no eido das experiencias inmersivas e da realidade virtual e aumentada, así como con sistemas de son envolventes e instalacións audiovisuais de última xeración. En definitiva, un amplo abano de tecnoloxías dixitais que lle permitirán non só ofrecer, senón desenvolver contidos de calidade, operando como un novo atractivo turístico, pero tamén como un catalizador que impulse a innovación cultural, a creación contemporánea e a formación da comunidade educativa.

Comparte