Nova: A Xunta renova a colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas cunha achega de 150.000€ para estudos de protección do patrimonio cultural

25/05/2026

A Xunta renova a colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas cunha achega de 150.000€ para estudos de protección do patrimonio cultural

  • O Consello dá luz verde ao convenio para o desenvolvemento destas accións no  Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento durante os tres vindeiros anos
  • A achega da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dá continuidade a traballos sobre patrimonio e identidade en Galicia e relacións de poder desde a Idade Media
  • Posibilitará o reforzo dunha nova liña de investigación integral das paisaxes e a súa relación co territorio, o patrimonio e o turismo

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2026 .- O Consello da Xunta deu luz verde hoxe á renovación do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para continuar e impulsar estudos de protección e difusión do patrimonio cultural que desenvolve o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, cun importe total de 150.000 euros desde este mesmo 2026 e ata o 2028.

Esta colaboración de tres anos vai permitir darlle continuidade a dous traballos de investigación sobre o patrimonio e identidade en Galicia e de relacións de poder desde a Idade Media. Precisamente, con esta nova liña de apoio, este último estudo centrarase principalmente nos séculos XIII e XVII. En concreto, vaise focalizar en contribuír á correcta identificación e axeitada contextualización de parcelas consideradas de importante relevancia no eido do patrimonio cultural galego.

En canto á liña de investigacións sobre patrimonio e identidades en Galicia, o obxecto destas pescudas é permitir un avance nestes eidos que redunde nunha maior e mellor protección, conservación e difusión do Patrimonio Cultural de Galicia como bens de carácter singular para a súa posible inclusión nas distintas categorías de protección que recolle a Lei de Patrimonio de Galicia de 2016.

Investigacións sobre paisaxes

Ademais, esta nova achega da Xunta tamén vai permitir reforzar unha nova liña de campo de estudo e divulgación sobre paisaxes, colectivos e institucións culturais de Galicia. Con esta investigación procúrase profundar no coñecemento científico e integral da paisaxe e a súa relación co propio territorio, o patrimonio e o turismo.

Cómpre salientar que esta colaboración enmárcase na folla de ruta do Goberno galego para a protección e conservación do patrimonio cultural de Galicia. Neste caso, apoiando a actividade das institucións que levan a cabo estas investigacións, como o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, centro de investigación de carácter mixto de titularidade compartida entre o CSIC e a Xunta de Galicia. Esta entidade céntrase na análise do patrimonio e o seu papel na configuración dos sinais identitarios de Galicia e dos galegos desde os séculos medievais ata a actualidade.

 

Comparte