Nova: A Xunta e o Festival RESIS promoven a creación musical de vangarda con Niño de Elche e Héctor Cavallaro en residencia no Gaiás
24/05/2026
A Xunta e o Festival RESIS promoven a creación musical de vangarda con Niño de Elche e Héctor Cavallaro en residencia no Gaiás
O artista alacantino e o compositor ítalo-venezolano constrúen en ‘Entre Feldman’ unha obra que dialoga coa pintura e combina electrónica, performance, música de cámara e videocreación
A iniciativa rende homenaxe ao músico experimental estadounidense Morton Feldman, fondamente inspirado polo expresionismo abstracto do século XX
Compartirán o seu proceso creativo nunha xornada de portas abertas no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia o venres 29 de maio ás 17,00 horas
‘Entre Feldman’ estrearase o 30 de maio na Coruña no concerto de clausura do RESIS e posteriormente viaxará en xuño ao Círculo de Bellas Artes de Madrid
Santiago de Compostela, 24 de maio de 2026
A Xunta de Galicia e o Festival RESIS de Música Contemporánea impulsan unha nova creación musical de Niño de Elche e Héctor Cavallaro dentro das residencias artísticas do Gaiás. Entre Feldman é o título desta obra que hibrida electrónica, performance, música de cámara e videocreación, na que estarán a traballar o artista alacantino e o compositor ítalo-venezonalo a partir do 26 de maio xunto coa agrupación Arxis Ensemble, a soprano Margarita Rodríguez, o director Armando Merino e o cineasta galego Lois Patiño.
O proxecto encádrase nas accións de apoio á creación artística na Cidade da Cultura que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Trátase dunha liña de traballo que ofrece espazos, tempo, recursos e acompañamento técnico para favorecer o nacemento de novas propostas culturais, tirando proveito, ademais, de alianzas con organizacións que contribúen á proxección e captación do talento, como é o caso do Festival RESIS.
Entre música e abstracción pictórica
A composición Entre Feldman inspírase nos escritos e obras do músico experimental estadounidense Morton Feldman (1926-1987), a quen o RESIS rende homenaxe este ano no centenario do seu nacemento.
Considerado un dos compositores máis singulares do século XX, Feldman redefiniu o concepto de tempo na música, empregando o silencio, a repetición e a duración expandida como unha invitación a vivir o son dunha maneira case plástica, establecendo un interesante diálogo coas pinturas de Mark Rothko, Philip Guston ou Jackson Pollock, expoñentes do expresionismo abstracto na súa época.
O venres 29 de maio ás 17,00 horas no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, o conxunto de músicos e artistas implicados neste innovador proxecto de música contemporánea compartirán co público parte do seu proceso creativo para dar forma a Entre Feldman, unha peza que tamén convida a unha escoita pausada e inmersiva, na que o son se desprega como textura e presenza. Para asistir a esta xornada de portas abertas é necesario retirar convite, de balde, a través da web da Cidade da Cultura.
A obra terá a súa estrea absoluta no concerto de clausura do RESIS, o 30 de maio ás 20,00 horas no Plató virtual da Cidade das TIC da Coruña —entradas esgotadas—, e viaxará posteriormente a Madrid para volver ser interpretada no Círculo de Bellas Artes da capital española o sábado 6 de xuño, como parte da programación expandida do festival.

