Nova: A Xunta nomeará directora do Centro Galego de Arte Contemporánea a Eva López Tarrío

20/05/2026

A Xunta nomeará directora do Centro Galego de Arte Contemporánea a Eva López Tarrío

Doutora en Belas Artes e catedrática de Ensino Secundario, conta cunha sólida traxectoria en proxectos culturais e educativos, á vez que en xestión institucional

Coa súa designación, baixo criterios de transparencia, mérito e capacidade, procúrase darlle ao CGAC maior impulso internacional e máis proxección de artistas galegos

O principal obxectivo da nova dirección é convertelo no centro artístico de referencia do eixo atlántico europeo

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026

A Xunta de Galicia nomeará directora do Centro Galego de Arte Contemporánea a viguesa Eva López Tarrío, doutora en Belas Artes e catedrática de Ensino Secundario, cunha sólida traxectoria en proxectos culturais e educativos, á vez que en xestión institucional. Trátase dun nomeamento que está previsto publicar nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude leva a cabo este nomeamento tras a convocatoria dunha praza de libre designación entre persoal funcionario de carreira, á que se presentaron nove candidaturas, e como resultado dun proceso no que se seguiron criterios de transparencia, mérito e capacidade. Deste xeito, para a súa selección tívose en conta a súa experiencia, así como a avaliación do proxecto presentado para xestionar este centro museístico.

Eva López Tarrío (Vigo, 1972) conta con experiencia contrastada en liderado de equipos, planificación estratéxica, innovación educativa e coordinación institucional, ademais dunha ampla actividade paralela no eido artístico e curatorial, desenvolvendo tarefas de comisariado, produción e difusión da arte contemporánea. Cómpre apuntar, nesta liña, que a súa propia obra artística ten sido obxecto de exposicións individuais e colectivas.

Centro artístico de referencia do eixo atlántico europeo

O principal obxectivo da nova dirección sitúase en converter o CGAC no centro artístico de referencia do eixo atlántico europeo. Deste xeito, coa designación desta nova responsable procúrase un maior impulso da programación internacional, ampliando as colaboracións con outros centros e institucións, ao tempo que darlles máis espazo e proxección a creación dos artistas galegos.

De igual modo, e ante a inminente celebración o vindeiro ano do Xacobeo 2027, Eva López Tarrío dirixirá a liña programática do Centro Galego de Arte Contemporánea a esta cita cultural que esperta un grande interese e conta cunha relevante difusión internacional. Para iso, apostará por novas alianzas e tamén as reforzará e ampliará con outras institucións museísticas, como o Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura, referente en Santiago de Compostela, en particular, e en toda Galicia, en xeral.

O obxectivo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con esta nova dirección é darlle pulo á súa descentralización dentro e fóra de Galicia, tras ser recoñecido en 2025 como Insignia da cultura galega polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, segundo os resultados do prestixioso informe elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España.

Comparte