Nova: A Xunta participa na Feira internacional do Cómic 2026 ‘FICOMIC Barcelona’ con máis dun cento de títulos

15/05/2026

A Xunta participa na Feira internacional do Cómic 2026 ‘FICOMIC Barcelona’ con máis dun cento de títulos

O Goberno galego conta cun expositor propio no que se presentan publicacións actuais e as editoriais máis representativas deste xénero

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2026.- A Xunta de Galicia está a participar na Feira Internacional do Cómic 2026, FICOMIC. Barcelona, cun expositor propio co obxectivo de facer medrar aínda máis a presenza no eido da banda deseñada, onde a comunidade é xermolo e viveiro de moitos proxectos e creadores, tal e como demostra o máis dun cento de títulos que se difundirán ata o 17 de maio para reflectir a creación galega máis actual deste xénero.

Deste xeito, Galicia consolida a súa presenza nesta importante cita sectorial e faino coa participación de figuras e editoriais máis representativas do cómic e da banda deseñada de Galicia, como Manel Cráneo, no seu triple papel de coordinador de Viñetas do Atlántico, ilustrador e editor de Demo editorial, que xunto con Bululú, están presentes no expositor da Xunta, deseñado pola ilustradora Sandra Lodi, quen tamén realizará diferentes obradoiros. Precisamente, a creativa foi a autora das postais conmemorativas do Día das Letras, que se repartirán ao longo do mesmo día 17, e tamén levará a cabo diferentes obradoiros durante estes días.

As actividades no expositor institucional do Goberno galego na FICOMIC arrancaron coa presentación da edición deste ano de Viñetas desde o Atlántico, coa presenza do seu director, Manel Cráneo, mentres que, en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, asistirá Cristina Rubal, subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro.

A participación de Galicia neste certame de recoñecido prestixio no xénero da banda deseñada enmárcase nas actividades de promoción da literatura galega postas en marcha pola Administración autonómica a través do sector editorial. Neste senso, cómpre lembrar que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 200.000€ anuais para asistir a este tipo de eventos. Precisamente,  a última participación cun expositor propio acaba de ser na Feira do Libro de Bos Aires, o que permitiu a proxección internacional da nosa cultura e do traballo dos nosos autores e editoriais, nunha das citas máis importantes do mundo para o sector.

Comparte