Nova: A Xunta abre mañá o prazo de solicitude das axudas para apoiar as galerías de arte galegas a participar en feiras e mercados nacionais e internacionais
14/05/2026
A Xunta abre mañá o prazo de solicitude das axudas para apoiar as galerías de arte galegas a participar en feiras e mercados nacionais e internacionais
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 80.000€ a esta colaboración, que abrangue a asistencia a citas celebradas entre decembro de 2025 e novembro de 2026
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2026
A Xunta de Galicia abrirá mañá, día 15, o prazo de solicitude de axudas para apoiar as galerías de arte na súa participación en feiras e mercados fóra da Comunidade galega. Con este fin, e segundo publica o Diario Oficial de Galicia, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina unha achega de 80.000€ para colaborar cos profesionais que estean interesados a participar neste tipo de citas, celebradas entre decembro de 2025 e novembro deste mesmo ano.
A través desta liña de achegas, o departamento de Cultura do Goberno galego amosa o seu compromiso coa promoción da arte e a súa difusión tanto no territorio galego como no exterior. Deste xeito, búscase incentivar a actividade artística das entidades que traballan no sector e que desempeñan un papel relevante na divulgación da arte contemporánea, na produción dos artistas e na dinamización económica da cultura.
Precisamente, o obxectivo das subvencións é colaborar na proxección exterior dos artistas galegos e no apoio á dinamización comercial das galerías nas feiras e mercados de arte de todo o mundo. Así, tal e como se recolle nas bases, no caso de que a asistencia sexa a feiras celebradas en España, pero fóra de Galicia, as entidades recibirán un máximo de 4.000 euros, mentres que a axuda ascenderá ata os 8.000 euros se se trata de citas internacionais, todas elas en réxime de concorrencia non competitiva.
Solicitudes ata o 26 de xuño
Cómpre apuntar que o prazo para presentar as solicitudes rematará o vindeiro 26 de xuño e poderán concorrer á subvención as persoas físicas ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais de carácter privado, titulares de galerías de arte, que desenvolvan as súas actividades en Galicia, que teñan asistido e participado nunha feira ou mercado de arte fóra da Comunidade entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de novembro de 2026.
Tamén debe estar dado de alta no Imposto de Actividades Económicas na actividade para a que se solicita a subvención, ter a inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado e acreditar a relación das persoas que vaian acudir coa empresa, mediante contrato ou declaración do titular da entidade que resulte elixida para recibir as achegas.
Na derradeira convocatoria, sete galerías galegas acadaron estas subvencións para participar en citas en Madrid, Londres, París, Mónaco ou Lisboa. Estas achegas, que promove a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, forma parte do traballo para dar impulso aos creadores galegos que inclúe, este ano, a renovación do seu convenio con Contemporánea, a asociación de galerías de arte contemporánea de Galicia.
