Nova: López Campos destaca a contribución do sector da publicidade á difusión e prestixio da imaxe de ‘Galicia Calidade’
14/05/2026
López Campos destaca a contribución do sector da publicidade á difusión e prestixio da imaxe de ‘Galicia Calidade’
O representante de Cultura do Goberno galego celebra que os creativos galegos se sumen con “audacia e orixinalidade” á divulgación desta marca que erixe como “orgullo colectivo”
Pontevedra, 14 de maio de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe a contribución do sector da publicidade “á difusión e prestixio da imaxe de Galicia Calidade que tanto e tan ben no representa e nos identifica”. Así o salientou hoxe na participación na inauguración do VIII Congreso Flúor, un dos principais encontros do sector da comunicación, márketing e creatividade en Galicia, que reúne medio milleiro de profesionais en Pontevedra.
Acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o secretario xeral de Traballo e Relacións Laborais, Pablo Fernández, o titular de Cultura do Goberno galego gabou os estilo creativo das campañas deste sector “nas que se capta con orixinalidade a esencia que define a nosa Comunidade, que coida e bebe da tradición e respecta o legado dos nosos antepasados, pero que non deixa de innovar e mudar sen perder nunca a orixe”.
Neste senso, López Campos celebrou que esta actividade profesional se sume á divulgación dos “valores de excelencia” da Comunidade “cunha cultura e lingua propias, ateigada de talento, que devece por amosala ao mundo, ao tempo que se abre ás tendencias e correntes máis actuais”.
Por estes motivos, considerou “estratéxico” o papel dos profesionais galegos de publicidade e márketing pola súa “audacia na creación de novas narrativas, capaces de conxugar tradicións cos emerxentes formatos de consumo e mesmo focalizalo en novos intereses sociais”. “Impulsades que, cada vez máis persoas, se acheguen a gozar da nosa Galicia Calidade, un obxectivo que debe ser un reto de país, pero sobre todo xa é, na actualidade, un orgullo colectivo”, aseverou para concluír.
