Nova: Anxo M. Lorenzo convida á cidadanía a gozar das 35 actividades que a Feira do Libro leva ao Porriño ata este domingo
13/05/2026
Anxo M. Lorenzo convida á cidadanía a gozar das 35 actividades que a Feira do Libro leva ao Porriño ata este domingo
- O circuíto impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia chega hoxe ao Barrio de San Bieito con propostas musicais, sinaturas de autores, espectáculos, obradoiros e contacontos
- O director xeral de Cultura pon en valor o papel desta cita como “elemento promotor da lectura e dinamizador cultural”
- As seguintes paradas para o mes de xuño serán Redondela, do 11 ao 14, e Ourense, do 17 ao 20
O Porriño (Pontevedra), 14 de maio de 2026.- O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a Feira do Libro do Porriño, a cuarta das citas do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia e que percorrerá 13 cidades e vilas ata finais do mes de agosto.
Así, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou “o papel desta cita como elemento promotor da lectura e dinamizador cultural, ademais de resultar un escaparate único para os nosos profesionais”. Nesta liña, aproveitou para facer un chamamento á cidadanía a achegarse estes días ao barrio de San Bieito, participar nas actividades e descubrir a oferta que traen os libreiros.
Neste senso, o director xeral de Cultura destacou o traballo para “achegar estas Feiras do Libro a todos e todas”, fomentando a participación mediante o debate, a conversa e a interacción directa entre creadores e público, e a súa accesibilidade. “Contamos cunha programación pensada para públicos diversos e un acceso á información máis claro e sinxelo”, na liña da Lei de cultura inclusiva e accesible aprobada pola Xunta de Galicia.
A Feira do Libro do Porriño estará aberta ata o día 17 de maio en horario de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas, excepto o xoves, que só abrirá pola tarde, e o domingo que pechará ás 20,00 horas, cunha programación que se iniciou hoxe coa lectura do pregón a cargo da Libraría Paz. Entre as 35 propostas inclúense unha actuación musical, presentacións, contacontos, teatro, obradoiros e sinaturas de libros nas que participarán 25 escritores e escritoras.
13 vilas e cidades de abril ata agosto
O Porriño é a cuarta das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias, tras a celebración das feiras en Ferrol, Santiago de Compostela e Lugo. Recollerá o relevo Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño.
Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.