Nova: López Campos enxalza a “paisaxe cultural única” da Ribeira Sacra como “valor clave” para conseguir o recoñecemento de Patrimonio Mundial da Unesco
12/05/2026
López Campos enxalza a “paisaxe cultural única” da Ribeira Sacra como “valor clave” para conseguir o recoñecemento de Patrimonio Mundial da Unesco
Salienta os “atributos excepcionais” deste territorio construído co uso da auga, “que aínda non está presente de xeito suficiente na listaxe de bens con esta distinción"
O representante da Xunta fai fincapé na “espectacularidade” dos canóns e vales fluviais e no patrimonio hidráulico con “muíños e saltos impresionantes de auga”
Destaca o investimento do Executivo galego para “revitalizar este territorio”, integrado por 26 concellos de Ourense e Lugo, con preto de 8 M€ en 40 bens
Nogueira de Ramuín (Ourense), 12 de maio de 2026.- O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, enxalzou hoxe a “paisaxe cultural única” da Ribeira Sacra como “valor clave” para a consecución do recoñecemento como Patrimonio Mundial da Unesco. Así o considerou na inauguración co secretario de Estado de Cultura, Jordi Martí, do 27º Encontro Internacional do Convenio da Paisaxe, que conta coa colaboración da Xunta e se celebrará ata mañá na localidade ourensá de Nogueira de Ramuín.
Por estes motivos, o representante de Cultura do Goberno galego considerou “máis que axeitada” a decisión do Ministerio de Cultura de escoller a Ribeira Sacra para organizar este foro con representantes dos 40 países asinantes do Convenio da Paisaxes, “como un xeito de pór en valor e impulsar a candidatura, á vez que como exemplo paradigmático deses espazos onde a auga ten modelado a xeografía, a cultura e as formas de vida”.
Acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, o titular de Cultura da Xunta tirou proveito na súa intervención para incidir nos “atributos excepcionais” deste territorio, que abrangue 26 municipios de Ourense e Lugo, “construídos e esculpidos ao redor do uso da auga”. Ao respecto, fixo fincapé en que esta “importante singularidade” non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial, “o que supón un elemento que nos favorece e unha baza esencial que tivemos en conta na nosa estratexia”, aseverou.
Neste senso, salientou no “carácter único” da Ribeira Sacra, no que puxo o foco “na espectacularidade dos canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que teñen chegado aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou os saltos impresionantes de auga”.
Deste xeito, López Campos insistiu en que estas características fan que este territorio conforme un patrimonio “singular, que supón un orgullo compartido e que se integra dentro dos valores da Galicia Calidade que tanto e tan ben nos representa dentro e fóra das nosas fronteiras”.
Investimento da Xunta para revitalizar o territorio
Nesta liña, o representante do Executivo galego puxo en valor o “esforzo e traballo sen descanso” por parte da Xunta para fornecer non só a candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga, “senón revitalizar este territorio”. Así, sinalou os preto de 8 M€ que a Administración autonómica ten investido, nestes últimos anos, na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais desta zona que abrangue as provincias de Ourense e Lugo.
De igual forma, subliñou que, ao longo deste período, o Goberno galego executou, en solitario ou en colaboración con outras institucións e concellos, máis de 90 actuacións tanto en materia arquitectónica como arqueolóxica en diferentes bens, como igrexas, mosteiros, museos, castros ou xacementos romanos, entre outros. “Co esforzo e traballo de todos, a Ribeira Sacra conseguiu ser hoxe en día un territorio aínda máis vivo, máis coidado e máis recoñecido e aínda o vai ser máis cando academos este merecido recoñecemento internacional”, aseverou.
Nesta xornada, López Campos subliñou que a candidatura Ribeira Sacra. Paisaxe da auga é un proposta “sólida e con argumentos firmes”, resultado do “traballo exhaustivo, rigoroso e coordinado” entre técnicos do Goberno galego e do Ministerio de Cultura. “Trátase dunha candidatura de país ante un reto compartido e ilusionante”, salientou.
Colaboración do Goberno central
Neste punto, o conselleiro quixo agradecer a colaboración do Goberno central coa candidatura, facendo especial fincapé na “total implicación” do propio embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, como tamén do Ministerio de Cultura, “coa presenza hoxe do seu secretario de Estado e, en anteriores ocasións, do mesmo ministro Ernest Urtasun”, lembrou ao respecto.
Finalmente, encadrou a celebración deste encontro internacional ao abeiro das “accións decisivas” que se están a desenvolver na recta final do procedemento de cara á avaliación que levará a cabo a Convención Mundial de Patrimonio, que se celebrará na cidade coreana de Busán.
“Un paso máis dentro dun conxunto de actuacións das que debemos sentirnos satisfeitos”, asegurou López Campos, ao tempo que indicou que, por estas razóns, “se confía en que a Ribeira Sacra se faga co merecido e honroso recoñecemento internacional”, concluíu.
