Nova: O colectivo ‘Egeria’ presenta o libro ‘Lugopoética 2025’, que conta coa colaboración da Xunta
12/05/2026
O colectivo ‘Egeria’ presenta o libro ‘Lugopoética 2025’, que conta coa colaboración da Xunta
O secretario xeral da Lingua, Valentín García; e o delegado territorial, Javier Arias, participaron na presentación da publicación, resultado de seis encontros con autores lucenses co fin de divulgar a riqueza e o potencial da creación poética na provincia
Lugo, 12 de maio de 2026
O colectivo Egeria presentou hoxe o libro Lugopoética 2025, que recolle o contido de seis encontros con poetas lucenses desenvolvidos o ano pasado na sede da UNED na cidade. O proxecto conta co apoio da Xunta.
No acto participaron o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o delegado territorial de Lugo, Javier Arias; a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira; e o presidente de Egeria, Xulio Xiz; entre outras persoas.
Lugopoética dividiuse en seis sesións, cada unha protagonizada por dous autores - agás unha delas, na que interviñeron tres – vinculados pola súa actividade, profesión ou por ter lazos familiares. Entre eles hai labregos, cregos, profesores ou filósofos, que leron anacos das súas obras e contrastaron as súas experiencias e puntos de vista.
Os trece participantes foron Mar Ferreiro, Lucía López Cancio e Gustavo Enríquez; Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco; Ana Vila e Paco Ledo; Manuel Regal e Xosé Miguélez; Xoan Neira e Toño Núñez; ademais de Miguel Ángel Martínez Quintanar e Abraham Pérez. O coordinador das conversas foi o profesor e escritor Xosé Carlos Ulloa.
A iniciativa comezou no ano 2024 co obxectivo de divulgar a riqueza e potencial da creación poética na provincia. A edición deste ano está en marcha – comezou febreiro e remata en xuño -, con seis novos encontros protagonizados por outros 12 autores lucenses. As charlas son abertas ao público e tamén se difunden na rede. No espazo web lugopoética.gal pode consultarse o calendario e toda a información relativa a esta actividade.



