Nova: A Xunta destina 200.000€ á actividade federativa de concertos, premios e foros sectoriais das bandas de música populares
11/05/2026
A Xunta destina 200.000€ á actividade federativa de concertos, premios e foros sectoriais das bandas de música populares
- O Consello aprobou un novo convenio para financiar a difusión da música bandística galega a través da continuidade dos seus certames de interpretación e composición e doutras iniciativas de estudo e investigación
- O acordo inclúe este ano a celebración dun congreso sobre o patrimonio itinerante entre Europa e América
- Apóiase o labor da Federación de Bandas de Música Populares de Galicia polo seu fondo arraigamento cultural na nosa Comunidade e polo seu labor formativo no eido instrumental
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2026.- O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe un convenio de colaboración coa Federación de Bandas de Música Populares de Galicia, ao que se destinan este ano 200.000 euros para lle dar continuidade á actividade externa e interna deste colectivo no seu labor de fomento, interpretación, formación, intercambio profesional e investigación arredor música bandística.
Como principal novidade para 2026 inclúese a celebración do congreso titulado O patrimonio itinerante: bandas de música galegas entre Europa e América. Impulsado a partir dun estudo da Universidade de Santiago de Compostela, terá lugar do 9 ao 11 de xullo na capital de Galicia para poñer en valor a mobilidade histórica das bandas e a súa conexión coa diáspora, especialmente con América. En formato híbrido (presencial e telemático) e conectando o ámbito académico co musical, reunirá especialistas para analizar a evolución no tempo destas formacións, reflexionar sobre os retos de recuperación e conservación da memoria viva do sector.
O devandito foro súmase a iniciativas en continuidade como o IX Festival de Bandas Infantís e Xuvenís, que se desenvolverá na Cidade da Cultura de Galicia, o XIX Concurso Galego de Composición para obras orixinais e inéditas sobre temática galega, e o XIX Certame Galego de Bandas, que se celebrará entre os días 19 e 20 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra coa participación competitiva das diferentes seccións (primeira, segunda, terceira, xuvenil e infantil).
Actualización formativa e normativa
No marco do convenio terá lugar, ademais, unha nova edición dos Encontros da Banda Sinfónica Galega e da Banda Sinfónica Xuvenil Galega, concibidos como espazos de intercambio e aprendizaxe onde se fomenta a mellora formativa nas distintas especialidades instrumentais.
Outras citas previstas por parte da Federación son unha serie de xornadas que versan sobre normativas lexislativas que teñen que ver coa súa actividade diaria, como as vencelladas á infancia, á prevención de riscos laborais, á seguridade en espectáculos públicos temporais e á integración da formación musical nas escolas.
Federación de Bandas de Música Populares de Galicia permitirá, así mesmo, o financiamento dos traballos de investigación sobre as bandas de música populares para abordar e documentar o papel pasado e actual destas formacións sobre o conxunto do tecido cultural galego. Para acadar este obxectivo, recolleranse testemuños vivos que permitan obter información de primeira man sobre o funcionamento e impacto das bandas na nosa sociedade.
A entidade, creada en 1987, é a de máis peso no seu ámbito dentro da nosa Comunidade e garante a promoción da identidade musical propia de Galicia neste ámbito, así como do repertorio orixinal galego. Posúe na actualidade un elevado grao de representatividade, xa que asocia máis de 96 formacións, 6708 instrumentistas e 7114 estudantes nas catro provincias. A súa actividade continua ao longo dos últimos anos resulta decisiva para a expansión da cultura musical bandística en Galicia, cun labor que ten o seu reflexo na calidade das programacións e na afluencia de público ás propostas desenvolvidas.
