Nova: O Centro Dramático Galego estrea mañá a coprodución Black box. Unha saga épica como peche do Festival Escenas do Cambio

09/05/2026

O Centro Dramático Galego estrea mañá a coprodución Black box. Unha saga épica como peche do Festival Escenas do Cambio

A nova creación de Hugo Torres poderá verse ás 20,30 h. no Salón Teatro de Santiago de Compostela

O espectáculo afonda na liña de colaboración con estruturas escénicas portuguesas e abre a actividade coprodutora do Centro Dramático Galego en 2026, que continuará nas vindeiras semanas con ‘Somos os monstros’ e ‘A furia da Amanita’

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2026

O Centro Dramático Galego estrea mañá, domingo 10 de maio, ás 20,30 h. no Salón Teatro de Santiago de Compostela, o espectáculo Black Box. Unha saga épica, de Hugo Torres, primeira coprodución da unidade teatral da Xunta en 2026. A función única desenvolverase como peche do festival de teatro, danza e arte en acción Escenas do Cambio, organizado pola Cidade da Cultura de Galicia.  

A montaxe supón, ademais, un novo chanzo na colaboración con estruturas escénicas portuguesas como liña de internacionalización prioritaria, ao tempo que abre a actividade coprodutora do Centro Dramático Galego deste ano. Unha liña de traballo que continuará nas vindeiras semanas coas estreas de Somos os monstros, con texto e dramaturxia de Paula Carballeira e dirección de Magda Labarga (22 de maio), e A furia da amanita, con dramaturxia de Santiago Cortegoso e dirección de Guillermo Carbajo e Alex Sampayo (5 de xuño).

Con dirección e interpretación do propio Hugo Torres, Black Box. Unha saga épica está coproducida polo Centro Dramático Galego, Festival FITEI do Porto e Trigo Limpo Teatro ACERT, e conta no equipo artístico con nomes como Gabriel Calderón na dramaturxia, Marta Pazos no espazo escénico e vestiario, Iván Casal na iluminación ou Alejandra Balboa no movemento escénico.  Chega, ademais, despois do seu paso polo programa DescArtes, iniciativa da Cidade da Cultura e do Centro Dramático Galego que lle abriu ao público o pasado marzo o proceso de creación da peza desenvolvido en residencia artística.

O espectáculo propón unha viaxe escénica pola memoria persoal e familiar de Hugo Torres, actor, director e músico portugués vinculado á compañía Voadora, a partir de figuras anónimas da súa propia liñaxe que atravesan distintas épocas deixando pegada sen aparecer nos libros. Con esa materia íntima, Black Box. Unha saga épica constrúe unha homenaxe á identidade, á herdanza e á memoria colectiva, nun espazo onde a palabra e o corpo convidan a imaxinar un futuro mellor.

Comparte