Nova: A Xunta apoia a 43ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que ofrecerá 24 espectáculos desde sete escenarios
08/05/2026
A Xunta apoia a 43ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que ofrecerá 24 espectáculos desde sete escenarios
O encontro, Premio da Cultura Galega 2025, acadou a maior achega económica da convocatoria de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a festivais profesionais de artes escénicas con 55.388 euros
A carteleira da presente edición inclúe seis coproducións, nove estreas absolutas e sete estreas en Galicia, ademais de actividades paralelas arredor da memoria, a igualdade e a participación social
Cangas de Morrazo (Pontevedra), 8 de maio de 2026
A 43ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas desvelou hoxe a súa programación, que se desenvolverá co apoio da Xunta entre o 21 de xuño e o 5 de xullo cun total de 24 espectáculos repartidos desde sete escenarios da vila do Morrazo e cun reforzo ao seu papel de entidade coprodutora relevante dentro do tecido cultural galego.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou no acto de presentación celebrado este mediodía no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela como representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e xunto a María Armesto, Casilda Alfaro, e Salvador del Río por parte da organización do encontro, ademais doutros voceiros institucionais.
O Goberno galego apoia esta nova edición do evento a con 55.388 euros a través da convocatoria de subvencións a festivais profesionais de artes escénicas. Esta contía converte a Mostra de Cangas no encontro que recibe este ano a maior achega desta liña de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dotada con 290.000 euros para 13 citas das catro provincias galegas.
Na súa intervención, Jacobo Sutil felicitou a organización por manter a vitalidade dun festival creado en 1984 pola Asociación Cultural Xiria e consolidado como unha das referencias históricas do calendario escénico galego e puxo en valor “a súa capacidade para combinar calidade artística, defensa do teatro galego, apertura a propostas doutras procedencias, implicación cidadá, actividade formativa e compromiso coa igualdade e coa accesibilidade”.
Estrea do Centro Dramático Galego
O director de Industrias Culturais subliñou especialmente a estrea absoluta de Ensaio técnico, da compañía portuguesa Colectivo 84 en coprodución co Centro Dramático Galego, como exemplo do compromiso do certame cangués, Premio da Cultura Galega 2025, para xerar espazos de creación, residencia e colaboración profesional entre Galicia e Portugal e para se reafirmar como axente activo dentro do panorama teatral galego máis alá do seu calendario estrito de 14 xornadas de exhibición.
A función inaugural de Ensaio técnico, que conta tamén coa colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, é unha das propostas máis destacadas do programa. Arredor desta proposta desenvolverase, ademais, unha residencia artística na propia Mostra durante os 10 días previos á súa presentación ante o público, reforzando o papel do festival como espazo de creación e acompañamento profesional.
Sinais de identidade
A 43ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas afonda tamén na difusión das novas compañías e da creación a cargo de diferentes xeracións, cunha carteleira que reúne seis coproducións, nove estreas absolutas e sete estreas en Galicia. As citas previstas van desde a danza para crianzas, a performance e o teatro máis contemporáneo e innovador ata a escena de rúa, o circo e as linguaxes máis clásicas e populares, con especial presenza de compañías e artistas galegos como Teatro Ghazafelhos, Teatro en Punto, Sue Moreno, Teatro de Ningures, Ana Abad de Larriva, Amarelo Teatro ou Berrobambam.
A programación complétase con estreas en Galicia e propostas estatais e internacionais como Caperucita en Manhattan, de Teatro de la Abadía; Viva, une histoire espagnole, da compañía francesa La Loquace; El peor espectáculo del mundo, de Zanguango; The One & the One, de Colette Gomette & Anna de Lirium; La loca historia del Siglo de Oro, de Z e La Escalera de Tijera; Cariño malo, da compañía peruana El Ministerio de la Belleza; Queixa (Roma ou morte), de Brigitte Vasallo, e Hoy tengo algo que hacer, de Teatro del Barrio.
Tamén terán un peso destacado as actividades paralelas, con proxectos de mediación inclusiva e educativa xunto á Escola de Teatro de Cangas, as aulas de teatro de Vigo e Pontevedra e colectivos da comarca do Morrazo vinculados á diversidade funcional.
