Nova: A Xunta impulsa o sector editorial con dúas convocatorias para a tradución de obras

07/05/2026

A Xunta impulsa o sector editorial con dúas convocatorias para a tradución de obras

O Diario Oficial de Galicia anuncia as bases dirixidas a publicar obras orixinais en galego noutras linguas e para ler en galego títulos relevantes doutras culturas

Con estas liñas de axuda, con 200.000€, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude favorece a internacionalización da creación literaria da Comunidade á vez que facilita o acceso da cidadanía a gozar de libros no seu propio idioma

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026

A Xunta de Galicia impulsa dúas convocatorias dirixidas ao sector editorial, cun investimento total de 200.000€, para favorecer a internacionalización da creación literaria da Comunidade e tamén o acceso da cidadanía en lingua galega ás publicacións xeradas noutras culturas.

Así, o Diario Oficial de Galicia acaba de publicar unha liña de axudas, cun orzamento de 150.000€, destinada a traducir ao galego as obras creadas noutros idiomas, tanto en papel como en formato dixital, coas que promove o intercambio cultural de xeito que se poidan atopar en Galicia e na lingua propia títulos relevantes producidos noutros territorios.

Por outra banda, tamén se recolle unha achega de 50.000€ para que libros orixinais en galego se poidan ler noutras partes do mundo, subvencionando os custos de traducir estas obras a outras linguas e apoiando así o mercado editorial de Galicia.

Neste senso, as dúas partidas que pon en marcha a Consellería de Cultura, Lingua están dirixidas a persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras e que estean en posesión dos dereitos de edición para a publicación obxecto da subvención. Así mesmo, tal e como se indica nas bases, a obra para a que se solicita a axuda deberá ter data de publicación a partir do 1 de xaneiro deste 2026 e terá que ser unha primeira tradución ou, no seu caso, deberán ter pasado máis de 20 anos desde a súa última tradución. Por outro lado, tamén cómpre destacar que que cada entidade pode facer a petición para un máximo de 15 libros.

A iniciativa abrangue obras pertencentes a moi variados xéneros como son a narrativa, a poesía, o ensaio, a divulgación científica, o cómic, o teatro ou a literatura infantil e xuvenil.

Ademais, entre os baremos de valoración para a concesión figuran o interese cultural da obra, en función de se o orixinal é dun autor galego ou non, a traxectoria profesional do tradutor, a extensión da tradución ou e se son obras dun autor clásico ou non, entre outras.

Os prazos para a presentación de solicitudes abrirá o 12 de maio no caso da tradución do libro galego a outras linguas e pechará o 12 de xuño. Mentres, para as axudas á tradución de obras orixinarias noutras linguas o prazo iniciase o 14 de maio e remata o 15 de xuño. Ambos os dous procedementos realizaranse a través da sede electrónica da Xunta.

Comparte