Nova: López Campos pon en valor a capacidade de ‘Escenas do cambio’ para proxectar o talento artístico de Galicia
07/05/2026
López Campos pon en valor a capacidade de ‘Escenas do cambio’ para proxectar o talento artístico de Galicia
Destaca o apoio da Xunta ás obras de danza e teatro ’52-Blau’ e ‘Black Box’, dúas estreas que conectan o panorama galego con artistas de Euskadi, Navarra e Portugal
A aposta sostida nestas doce edicións do festival encádrase nunha estratexia que entende a creación como un proceso enraizado no territorio e aberto ao mundo
Do 7 ao 10 de maio, a cita coa vangarda escénica celébrase na Cidade da Cultura e no Salón Teatro con once espectáculos nos que participan intérpretes e compañías dunha decena de países
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo en valor hoxe a capacidade do festival Escenas do cambio para proxectar o talento galego e situar Galicia nos circuítos internacionais das artes escénicas contemporáneas. A cita, que celebra a súa 12ª edición do 7 ao 10 de maio na Cidade da Cultura e no Salón Teatro, “reforza a súa posición como espazo de acollida e diálogo, coa presenza de artistas e compañías dunha decena de países e fomentando a cooperación para xerar obras que se alimentan do intercambio de culturas, territorios e sensibilidades”.
López Campos aproveitou o encontro esta mañá cos artistas da compañía iXa durante os ensaios de 52-Blau, para lembrar o compromiso do Goberno galego coas artes vivas de vangarda. Máis aló do apoio continuo ao propio festival, resaltou “a implicación directa da Xunta de Galicia na produción de dúas das estreas absolutas que terá este ano Escenas do cambio: a peza de danza 52-Blau e a obra teatral Black Box”. O conselleiro de Cultura estivo acompañado da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e da directora artística do festival, Kirenia Martínez Acosta.
52-Blau será a obra que inaugurará Escenas do cambio, esta tarde ás 18,00 horas no Museo Centro Gaiás. Trátase dunha coprodución na que participa o Centro Coreográfico Galego e na que o vigués Xián Martínez reúne o talento de intérpretes de Galicia, País Vasco e Navarra. O espectáculo caracterízase por adaptarse á arquitectura de espazos non convencionais, así como polo intenso traballo físico e colectivo dos bailaríns, que sosteñen a unha das súas compañeiras para que nunca toque o chan, emulando o intento de sobrevivir a un naufraxio na inmensidade.
Na outra estrea que conta con apoio do Goberno galego, será o actor, director e músico portugués Hugo Torres (exVoadora) quen conecte o íntimo co universal a través dos máis de 500 anos de historia dos seus devanceiros. O Centro Dramático Galego, a compañía portuguesa Trigo Limpo e o FITEI do Porto co-producen esta orixinal obra na que Hugo Torres cociñará en directo os relatos que el mesmo escoitou desde a súa infancia ao redor da mesa familiar. Será o domingo 10 de maio ás 20,30 horas no Salón Teatro, como peche do festival.
Catro xornadas na vangarda escénica
Durante catro días, Escenas do cambio programará un total de 11 espectáculos, dez deles inéditos en Galicia, con tres estreas absolutas —52-Blau, Black Box e Este himno llevará la palabra euforia, de La Intrusa— e outras tres estreas en España de co-producións internacionais: La Cura e El Vacío, do coreógrafo cubano Julio César Iglesias coa Compañía Colombiana de Danza Contemporánea, e Fear:less, da alemá Silke Z.
Nesta edición poderemos tamén explorar as instalacións performativas La Calidesa, da Société Mouffette e COMA14, que aborda as soidades contemporáneas, e Hecatombe II: Movementos e rituais para a renovación do mundo, onde a colombiana de orixe indíxena Martha Hincapié Charry pon en valor as formas de relacionarse coa natureza das tribos nativas das Américas.
Completan o programa a conferencia escénica do brasileiro Reinaldo Ribeiro, que recupera a oralidade como arquivo da memoria en Arder Épica (Cap. 1), a peza de teatro e danza Entrecruzad@s, que pon no centro do escenario identidades e corpos fóra da norma, e a peregrinación artística Horizontes Errantes, que transforma en música e danza os encontros de Laura Aris e Jakob Jautz co humano e o máis que humano na súa viaxe pola Selva Negra e o Camiño de Santiago.
A información ao detalle de cada espectáculo pode consultarse na web de Escenas do cambio. O festival da Xunta de Galicia conta coa colaboración do Ministerio de Cultura, o Goethe Institut, e o Camões I.P. –Centro Cultural Português em Vigo.
