Nova: A Xunta únese á Fundación Santa María la Real para divulgar o románico de Galicia con seminarios, cursos en liña e programas de pódcast
05/05/2026
A Xunta únese á Fundación Santa María la Real para divulgar o románico de Galicia con seminarios, cursos en liña e programas de pódcast
O director xeral de Patrimonio Cultural considera estas iniciativas unha “valiosa ferramenta” para achegarlle á cidadanía “a riqueza destes bens patrimoniais”
Ángel Miramontes destaca que as actividades son de balde e con necesidade de inscrición previa só nalgunha delas
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2026.- A Xunta colabora coa Fundación Santa María la Real para facilitar a divulgación entre a cidadanía do milleiro de bens románicos que conserva Galicia, a través de seminarios presenciais, cursos en liña e un programa de pódcast. Así o deu a coñecer hoxe o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, quen salientou que estas actividades de balde, pero con inscrición previa nalgunha delas, “son unha valiosa ferramenta que permitirá os galegos e galegas descubrir ou redescubrir o enorme valor do patrimonio que atesouramos”.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que a Comunidade galega conta con “incontables mostras e testemuños románicos”. Por estes motivos, considerou “máis que necesarias” proxectos de divulgación cultural, como o que leva a cabo a Fundación Santa María la Real coa iniciativa Redescubre o románico de Galicia, “que se suman ás que tamén impulsamos directamente desde o Goberno galego”, apuntou.
Neste senso, Miramontes explicou que, co apoio da Xunta a esta campaña, a Administración galega procura que a cidadanía “sexa consciente” da “impresionante riqueza románica” que posúe Galicia. “Esta toma en consideración acaba converténdose no primeiro paso engadir máis esforzos á relevante tarefa colectiva da conservación e preservación do noso patrimonio non só como legado, senón como herdanza presente e futura co que todos debemos estar comprometidos”, aseverou.
Para levar a cabo esta iniciativa de divulgación, o director xeral de Patrimonio Cultural gabou a traxectoria de máis de catro décadas de traballo do equipo da Fundación, “que suma ademais a experiencia de investigadores no territorio galego”. Deste xeito, adiantou que grazas a esta “unión de esforzos” levarase a cabo un seminario presencial os días 20 e 21 de maio, no mosteiro de San Martiño Pinario, de Santiago de Compostela. Será de acceso libre ata completar capacidade, polo que se require de inscrición previa.
A esta actividade engádeselle unha divulgación en liña, de carácter aberta e gratuíta, que abrangue un curso didáctico que percorre a evolución do románico en Galicia, que estará dispoñible na plataforma Udemy, especializada neste tipo de formación. Ademais, contarase con tres pódcast, que se subirán en plataformas para dar a facilidade de que se poidan escoitar en calquera momento. Finalmente, a través dun portal románico dixital, facilitarse o acceso á Enciclopedia do Románico, unha obra de referencia científica que recolle décadas de traballo e investigación.
