Nova: A Cidade da Cultura de Galicia incrementa o beneficio que xera á sociedade e sitúase xa preto dos 24 millóns de euros

04/05/2026

A Cidade da Cultura de Galicia incrementa o beneficio que xera á sociedade e sitúase xa preto dos 24 millóns de euros

  • O Consello da Xunta dá o seu o visto e prace ao terceiro estudo de Contabilidade Social sobre a actividade do Gaiás, documento que estima que, por cada euro de investimento público que recibe, esta institución devolve 1,7 euros á sociedade
  • Os resultados do último informe, correspondente ao ano 2024, apuntan unha tendencia á alza respecto ao do balance anterior, realizado con datos de 2022
  • O ‘valor social’, índice do estudo que mide o retorno en aspectos como divulgación da cultura, formación e xeración de coñecemento, supera por vez primeira os dez millóns de euros
  • O documento foi elaborado seguindo a metodoloxía de GEAccounting, avalada por trece universidades, entre as que se atopan institucións académicas tan prestixiosas como a Universidade de Deusto

O Consello da Xunta vén de dar o seu visto e prace ao terceiro informe de contabilidade social da Cidade da Cultura de Galicia, que estima que esta institución xera á sociedade un valor total de 23,92 millóns de euros. Neste balance, que analiza datos do ano 2024, reflíctese un incremento respecto ao informe anterior (correspondente a 2022), que cifraba este retorno en 23,65 millóns de euros.

 

Este terceiro estudo de contabilidade social levouse a cabo seguindo a metodoloxía estandarizada por GEAccounting, organización que conta co aval de 13 universidades, entre elas a Universidade de Deusto, ademais dunha ampla lista de empresas privadas. O informe conclúe que, por cada euro de investimento público que recibe, o Gaiás devolve á sociedade 1,7 euros, cifra que ratifica o uso eficiente dos seus recursos públicos —que se sitúa nun resultado igual ou superior a 1—.

 

A contabilidade social é unha ferramenta que permite medir o valor que unha organización xera para a sociedade, incluíndo non só a súa actividade económica (que medimos a través da contabilidade tradicional), senón tamén traducindo a valor monetario o seu impacto social, cultural, educativo ou comunitario. A través desta metodoloxía, tradúcense a termos económicos variables que non teñen prezo de mercado, como os espazos de estudo e investigación que ofrece a Biblioteca de Galicia, a programación expositiva e de eventos culturais de balde, a oferta de lecer dos espazos naturais, etc.

 

Cífrase así o “valor social” que achegan aquelas actividades directamente conectadas coa misión da Cidade da Cultura e que superan por vez primeira os 10 millóns de euros, incrementándose un 12,3% respecto ao estudo de 2022. Isto significa que o Gaiás cada vez xera mais valor en eidos como a divulgación da cultura, a formación, o apoio á artistas ou a provisión de espazos para acoller a diferentes institucións e colectivos e tamén para a organización de programación externa.

 

O estudo analiza ademais a contribución da actividade da Cidade da Cultura aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, cifrando o seu impacto en ámbitos como o emprego e o crecemento económico, o desenvolvemento comunitario e urbano ou a redución da desigualdade, entre outros.

 

Expansión da actividade do Gaiás

O terceiro estudo de contabilidade social da Cidade da Cultura, co que se dá continuidade aos dous anteriores, completa a descrición dunha fase do complexo do Gaiás marcada pola expansión da súa actividade, unha etapa que segue a “folla de ruta” definida no seu II Plan Estratéxico, que cubre o período 2021-2027.

 

Esta fase de crecemento tamén se reflicte en que nos dos últimos exercicios —2024 e 2025— a Cidade da Cultura batese marcas en canto ao número de participantes nas súas actividades culturais ou que o Museo Centro Gaiás se sitúe como institución de referencia en Galicia para acoller exposicións internacionais que nos últimos anos incluíron títulos como Tesouros Reais, obras mestras do Terra Sancta Museum; Unha vida viquinga; ou Tattoo. Arte baixo a pel. Esta liña de internacionalización verase reforzada este ano coa mostra Voces do Pacífico, primeiro acordo directo da Xunta de Galicia co British Museum.

 

Por último, o incremento do radio de acción do Gaiás queda tamén avalado polo feito de estar a operar como unha factoría de contidos que traslada as súas exposicións a centros expositivos de cidades e vilas galegas e tamén de fóra de Galicia, cun amplo programa de itinerancias expositivas de ao redor dunha ducia cada ano.

 

Os datos positivos que ofrece este informe van na liña dos doutros estudos como o informe anual do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, que de xeito reiterado vén situando ao Gaiás entre as institucións culturais máis destacadas de Galicia, encadeando sete anos consecutivos nos tres primeiros postos deste ranking.

 

Comparte