Nova: A Xunta aproba a creación da Colección Margarita Ledo no Concello de Castro de Rei
04/05/2026
A Xunta aproba a creación da Colección Margarita Ledo no Concello de Castro de Rei
- O Consello dá o visto e prace para integrar estes fondos xestionados pola Fundación Margarita Ledo no Sistema Galego de Museos
- O espazo busca difundir o legado literario, artístico, fotográfico e filmográfico da autora, ademais de actuar como motor cultural na comarca
- Súmase aos 98 espazos da rede da Xunta de Galicia, que distingue 71 museos, catro centros de interpretación do patrimonio cultural e 23 coleccións
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2026.- O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao acordo para a creación e cualificación da Colección Museográfica Margarita Ledo Andión, xestionada pola fundación homónima e que pasará así a integrarse no Sistema Galego de Centros Museísticos. Trátase dun espazo que estará dispoñible no concello de Castro de Rei e que estará dedicado a difundir o coñecemento da figura da escritora e cineasta e o seu legado literario, artístico, fotográfico e filmográfico, converténdose no primeiro centro museístico do sistema adicado a unha intelectual contemporánea.
Para a súa incorporación, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tivo en conta o papel do centro como dinamizador da vida social e cultural da vila de Castro de Rei, esencialmente rural, achegando a toda a comarca a obra de artistas do panorama actual xa recoñecidos e outros que empezan a destacar e favorecendo a inclusión neste territorio, en liña cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
Deste xeito, esta nova incorporación súmase ás 23 coleccións rexistradas actualmente nesta rede e que se corresponden con aquelas que sen reunir os requisitos propios para funcionar como un museo, si cumpren con criterios museográficos, aos 71 museos e aos catro centros de interpretación do patrimonio cultural existentes na nosa Comunidade.
Así, o legado titularidade da Fundación Margarita Ledo Andión gozará do recoñecemento que supón estar baixo o paraugas deste sistema, podendo acceder a convocatorias de axudas específicas, participando en xornadas técnicas e contando coa garantía de que cumpre con todos os requisitos en canto a instalacións e plan museolóxico, o documento que recolle todos os programas necesarios para o desenvolvemento dunha colección museográfica, determinando as áreas de funcionamento, prioridades e necesidades.
Un legado que vai de escultura a fondos filmográficos
A colección Museográfica Margarita Ledo está formada por obras de arte contemporánea de artistas tanto galegos como nacionais e internacionais incluíndo pinturas, gravados, fotografías, esculturas, cerámicas e fondos filmográficos. Conta, ademais, cunha importante biblioteca especializada en arte contemporánea, cine e fotografía.
